Os alumnos do Frei Luís de Granada de Sarria aprenderon a reciclar cunha visita virtual

SarriaXa
Medio cento de escolares de 5º de Primaria descubriron como se tratan os residuos e que ocorre cos materiais que separan nos contedores a través dunha actividade educativa en Cerceda
alumnado-Frei-Luís-de-Granada-Sarria-en-Sogama
21 Oct 2026

Medio cento de alumnos de 5º de Primaria do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria participaron nunha actividade educativa no Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda (A Coruña), para coñecer como se xestionan os residuos e comprender a importancia da reciclaxe e do consumo responsable.

A través dunha visita virtual inmersiva en 360 graos, os escolares puideron percorrer as instalacións e descubrir o camiño que seguen os refugallos desde que se depositan nos contedores ata que se transforman en novos recursos ou se aproveitan para producir enerxía eléctrica.

A iniciativa buscaba concienciar os máis novos sobre a necesidade de reducir a cantidade de lixo que xeramos, reutilizar os produtos para alongar a súa vida útil e separar correctamente os residuos para facilitar a súa reciclaxe.

Durante a actividade, os estudantes coñeceron o funcionamento dos sistemas de clasificación. Así, aprenderon que os envases do contedor amarelo se separan por materiais e se envían á industria recicladora, mentres que dos residuos do contedor xenérico tamén se recuperan os elementos potencialmente reciclables. A parte non reciclable pode utilizarse para producir un combustible derivado de residuos destinado á xeración de electricidade.

Xogos para aprender sobre reciclaxe

A visita incluíu explicacións de educadores especializados, vídeos e presentacións para achegar o funcionamento de Sogama ao alumnado. Os nenos tamén puideron comprobar o que aprenderan a través de diferentes xogos, entre eles máquinas Arcade nas que puxeron a proba os seus coñecementos, habilidades motoras e reflexos.

Os escolares interesáronse especialmente polos sistemas automáticos de clasificación e polas posibilidades de reutilización dos materiais para fabricar novos produtos, un proceso que permite aforrar enerxía e materias primas.

Ao remate da xornada, os monitores animaron os alumnos do Frei Luis de Granada a trasladar o aprendido ás súas casas e á súa contorna, converténdose en embaixadores das boas prácticas ambientais.

0.10331988334656