Os institutos de Sarria celebrarán unha comida interxeracional polos 50 anos do ensino público

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e o IES Gregorio Fernández organizan unha comida de convivencia interxeracional para conmemorar os primeiros 50 anos do ensino público medio e superior na localidade. O encontro celebrarase o vindeiro 29 de maio ás 15:00 horas no Hotel Alfonso IX.
A iniciativa busca converterse nun espazo de encontro e lembranza, no que compartir experiencias acumuladas ao longo de medio século de traxectoria educativa. Desde a organización destacan que son “50 anos aprendendo, descubrindo o mundo, tecendo comunidade, creando hábitos, reivindicando valores democráticos e liderando a renovación pedagóxica”.
Ademais, subliñan que o máis relevante para a comunidade é que foron tamén “50 anos soñando futuros”, polo que animan a todas as persoas que forman ou formaron parte destes centros a sumarse a unha celebración pensada para poñer en valor a súa historia común.
No marco desta celebración, o IES Gregorio Fernández organiza unha xornada especial que reunirá este venres a autoridades, antigos membros da comunidade educativa, alumnado e profesorado arredor de diferentes actos institucionais e culturais para conmemorar medio século de historia do centro.
A programación da mañá comezará ás 11:30 horas coa recepción oficial de autoridades e convidados no vestíbulo do instituto, nun acto de benvida institucional no que tamén participarán antigos integrantes da comunidade educativa.
Posteriormente, ás 11:40 horas, celebrarase o acto institucional no salón de actos do centro, que incluirá intervencións da dirección do instituto, representantes institucionais e membros da comunidade educativa. Durante o evento realizarase tamén a entrega dun agasallo conmemorativo ás autoridades asistentes e contará cunha actuación musical a cargo de Carme López.
Ás 12:25 horas terá lugar a apertura da exposición conmemorativa “Medio século de historias compartidas”, unha mostra que recolle fotografías, documentos e diferentes obxectos vinculados á historia do instituto ao longo destes cincuenta anos.
A programación continuará ás 12:30 horas coa emisión especial de Radio Bolboreta, que dedicará un programa monográfico ao aniversario do centro e incluirá felicitacións e mensaxes da comunidade educativa.
A xornada concluirá ás 12:45 horas coa inauguración da peza conmemorativa do 50 aniversario, un acto no que se descubrirá e presentará a creación artística situada no aparcadoiro do centro antes do peche oficial da celebración.
Pola súa parte, o IES Xograr celebrará ás 13.00 horas un acto de conmemoración do 50 aniversario, con recepción de autoridades e unha mesa redonda con antigos directores do IES, que rematará cunha visita ao centro educativo.