"Os rizos de Lía" achegará este venres un contacontos musical ás crianzas de Sarria

As crianzas de Sarria terán este venres, 2 de outubro, unha nova proposta dentro da programación de #SarriaAcendida. Trátase de "Os rizos de Lía", un contacontos musical que se celebrará ás 17:30 horas na Casa da Cultura, con entrada de balde.
A actividade conta a historia de Lía, unha nena que se enfronta a diferentes emocións e retos mentres descobre a importancia de confiar en si mesma. A través da narración e da música, a proposta aborda cuestións como a amizade, a autoestima, o respecto pola identidade e a capacidade para afrontar as pequenas dificultades do día a día.
A actriz Paty Lesta dará vida a Tulis, unha narradora aventureira que guiará ao público durante a viaxe de Lía. A historia estará acompañada polas cancións de Cristian Leggiero, que completan unha proposta pensada especialmente para o público infantil.
"Os rizos de Lía" está integrada na programación de #SarriaAcendida, impulsada polo Concello de Sarria e financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.