Paradela abre a convocatoria da XXXII edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López

SarriaXa
O prazo de presentación de obras estará aberto do 1 de outubro ao 30 de novembro de 2026 e haberá premios de ata 1.000 euros en distintas modalidades
Certame-Manuel-Oreste-Paradela-25
30 May 2026

O Concello de Paradela vén de abrir a convocatoria da XXXII edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, unha cita xa consolidada no ámbito cultural que busca fomentar a creación literaria en lingua galega e castelá. Esta nova edición inclúe tres modalidades de participación: narrativa, poesía e unha categoría especial dedicada ao Camiño de Santiago.

O prazo para a presentación das obras permanecerá aberto desde o 1 de outubro ata o 30 de novembro de 2026, e os traballos poderán enviarse tanto por correo postal como por vía electrónica. Os premios establecidos chegan ata os 1.000 euros, dependendo da modalidade e da clasificación obtida.

Na modalidade de narrativa, os relatos deberán ter unha extensión máxima de vinte folios mecanografados ou elaborados a ordenador, a dobre espazo, sen establecer un mínimo de extensión. No caso da poesía, as obras non poderán superar os 100 versos. En ambas categorías, as creacións deberán ser orixinais, inéditas, non premiadas previamente noutros concursos e estar finalizadas antes da publicación da convocatoria.

A modalidade especial do Camiño de Santiago, que ten un carácter destacado dentro do certame pola súa vinculación con Paradela como punto relevante do Camiño Francés a cen quilómetros da meta, seguirá os mesmos requisitos xerais e reunirá tanto obras de narrativa como de poesía.

No apartado de premios, a modalidade de narrativa contará cun primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 500 euros. Na poesía establécense tamén un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 500 euros. Na modalidade especial do Camiño de Santiago o primeiro premio será igualmente de 1.000 euros. Ademais, o xurado poderá conceder accésits de 250 euros e ata dúas mencións de honra por categoría, tamén dotadas con 250 euros.

O fallo do xurado, designado polo Concello de Paradela, emitirase no mes de maio de 2027 e farase público a través dos medios de comunicación e das páxinas web municipais, ademais de ser comunicado directamente ás persoas gañadoras, que serán convocadas ao acto de entrega de premios na data que se determine.

0.11189699172974