Paradela abre o prazo para participar no XXXII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López

SarriaXa
O Concello admite ata o 30 de novembro obras de narrativa, poesía e sobre o Camiño de Santiago, con premios de ata 1.000 euros
Certame-Manuel-Oreste-Paradela-25
7 Oct 2026

O Concello de Paradela mantén aberto desde o pasado 1 de outubro o prazo para presentar obras á XXXII edición do Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López, convocado en memoria do escritor e Fillo Predilecto do municipio. As persoas interesadas poderán enviar os seus traballos ata o vindeiro 30 de novembro.

O certame conta con tres modalidades: narrativa, poesía e Camiño de Santiago. Nesta última categoría admítense tanto relatos como poemas coa finalidade de poñer en valor a importancia da ruta xacobea no municipio.

As obras deberán ser orixinais e inéditas, non ter sido premiadas anteriormente noutros concursos e estar escritas en galego ou castelán.

Os traballos poderán enviarse por correo postal ao Concello de Paradela ou por correo electrónico ao enderezo oix.paradela@eidolocal.es.

En canto aos premios, a persoa gañadora de cada modalidade recibirá 1.000 euros. Nas categorías de narrativa e poesía tamén se concederá un segundo premio dotado con 500 euros. Ademais, o xurado poderá outorgar outros recoñecementos.

0.14731907844543