Paradela celebrará o 24 de maio a tradicional Feira de Ano de San Isidro con música, gando e artesanía

O Concello de Paradela celebrará o vindeiro 24 de maio de 2026 unha nova edición da Feira de Ano de San Isidro, unha cita tradicional que reunirá durante toda a xornada actividades vinculadas ao sector gandeiro, a artesanía, a música e a gastronomía popular.
A programación arrancará coa exposición de maquinaria agrícola e coa feira de artesanía no recinto feiral, ademais da primeira ruta cabalar organizada pola asociación “Cabaleiros do Loio”. Ás 10:30 horas está prevista a chegada ao multiusos do gando participante na exposición gandeira, mentres que a apertura oficial da mostra será ás 11:00 horas.
A música terá tamén un papel destacado durante a celebración. Ás 12:00 horas actuarán os Gaiterios da Banda de Paradela e, xa ás 13:00 horas, será a quenda da Asociación Cultural “Río Miño Portomarín”.
Pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase o desfile de carros, gando e cabalos, acompañado pola Banda de Paradela. Posteriormente, ás 19:00 horas, a propia formación musical ofrecerá un concerto.
A festa continuará ás 20:00 horas coa actuación da orquestra Los Satélites e, ás 21:00 horas, desenvolverase unha degustación de tenreira ao espeto, pan de Paradela e viño da Ribeira Sacra. Para participar nesta degustación será necesario retirar previamente as entradas no Concello de Paradela antes do 22 de maio.
A xornada rematará cunha gran verbena a partir das 23:00 horas, novamente amenizada pola orquestra Los Satélites.