Paradela, Láncara e Samos melloran espazos públicos a través dun obradoiro dual de emprego de 454.500 euros

SarriaXa
O programa, con 20 prazas en dúas especialidades, desenvolverá actuacións en colexios, miradoiros, fontes, beirarrúas e zonas verdes dos tres municipios
Obradoiro-Paradela
31 Aug 2026

Os concellos de Paradela, Láncara e Samos están a executar distintas actuacións de mellora e acondicionamento de espazos públicos no marco do obradoiro dual de emprego Os Soutos II, que conta cun investimento de 454.500 euros e no que participan 20 persoas desempregadas.

En Paradela, os traballos céntranse estes días no colexio público, onde se están a acondicionar diferentes zonas exteriores, entre elas os espazos axardinados e o parque infantil. Ademais, está previsto actuar nos miradoiros de Adega dos Penegos, Cabo de Vila e Santa Marta, así como na parcela destinada ao mercado municipal.

O obradoiro iniciou a súa actividade no mes de xuño e manterase ata febreiro de 2027. As 20 prazas están distribuídas en dúas especialidades formativas: urbanización e conservación e mellora de montes.

O programa tamén inclúe actuacións en Láncara e Samos. No primeiro municipio, os participantes traballarán no acondicionamento do paseo do ferrocarril, mentres que en Samos se levará a cabo a rehabilitación de varias fontes e beirarrúas, xunto con diferentes traballos de mantemento no colexio público.

Os obradoiros duais combinan a formación teórica con experiencia laboral práctica, permitindo que as persoas participantes adquiran coñecementos vinculados a oficios concretos mentres desenvolven traballos que buscan dar resposta ás necesidades dos municipios e mellorar distintos espazos de uso público.

A iniciativa está impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cun investimento de 454.500 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou as actuacións que se están a executar en Paradela xunto coa alcaldesa, Montserrat Mulet.

0.15912413597107