Paradela organiza unha nova recollida gratuíta de enseres para o vindeiro 19 de agosto

O Concello de Paradela levará a cabo o vindeiro 19 de agosto unha nova xornada de recollida gratuíta de enseres, un servizo destinado á retirada de obxectos que non forman parte do lixo doméstico habitual, como colchóns, neveiras, lavadoras, televisores ou outros aparellos de gran tamaño.
Os enseres deberán depositarse nas inmediacións do contedor habitual de cada veciñanza. Non obstante, para facer uso deste servizo será imprescindible avisar previamente ao Concello, ben chamando ao teléfono 982 541 101 ou acudindo ás oficinas municipais, indicando o tipo de residuo que se vai deixar para organizar correctamente a recollida.
Desde o Goberno local lembran tamén que non está permitido depositar determinados materiais, entre eles ferros, baldosas ou pezas de baño, ao tempo que solicitan separar as botellas de vidro e depositalas no contedor específico destinado a este tipo de residuos.
O Concello anima á veciñanza a facer uso deste servizo para contribuír ao correcto tratamento dos residuos e ao mantemento da limpeza e do coidado do municipio.