Paradela recupera este domingo a súa Feira do Ano e Festa de San Cidre

SarriaXa
Paradela celebra o domingo a Feira do Ano e Festa de San Cidre con exposicións de gando, fotos antigas, manualidades, artesanía e coches clásicos
festa san isidro paradela
14 Maio 2022

Paradela volve a ter festas. Dous anos despois, a Asociación para o Desenvolvemento de Paradela (Adespa) asume o reto de retomar este domingo os festexos tralo obligado parón pola pandemia do Covid-19. Así o recoñece José Luis Rodríguez López, membro de Adespa e organizador da XXI Feira de Ano e Festa de San Cidre en colaboración coa Asociación de Mulleres de Paradela e o patrocinio do Concello de Paradela.

“Ven xente de moitas partes porque, ademáis, coincide nun fin de semana e dende hai dous anos non temos nada”, afirma José Luis, quen non oculta que “é un reto retomar este tipo de festas. Ós maiores recordalle moitas cousas como ver as vacas xunguidas e para os novos tamén é moi importante porque moitos non viron estas historias”.

A xornada comezará coa chegada a primeira hora da mañá, a partir das 10.30 horas, do gando de exposición ao Multiusos para a Exposición gandeira, que abrirá as súas portas as 11.00 horas.

Ás 12.00 horas vaise inaugurar, tamén no Multiusos, a exposición “Do tempo das luces”, que permanecerá aberta ata final de ano e fai un recorrido a través de 725 fotografías dos 200 anos de historia do Concello de Paradela.

Mentres, o recinto feiral acollerá a Exposición de Coches Clásicos durante todo o día e o Centro Sociocultural será o escenario da Feira de Artesanía e da Exposición de Manualidades.

TARDE INTENSA

A xornada de tarde comezará ás 17.00 horas co desfile de carros e gando do país acompañado pola Banda de Paradela. “Realizaremos un pasacalles con dúas imaxes de San Isidro polo pobo para rematar no campo da Feira, donde ás 17.30 horas terá lugar a misa”, avanza José Luis.

Pouco despois, ás 19.00 horas, o protagonismo será para a Banda de Paradela, que ofrecerá un concerto. E as 20.00 horas a orquestra Oca Band fará a súa primeira actuación.

Para as 21.30 horas quedará a degustación de tenreira galega, pan de Paradela e viño da Ribeira Sacra e pechará a xornada festiva a verbena amenizada pola orquestra Oca Band.

0.18801784515381