Patricia Otero afea aos deputados do PP por Lugo ter "dado as costas a medidas que benefician a milleiros de familias lucenses”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Reprocha aos representantes populares no Congreso o seu rexeitamento á protección fronte aos desafiuzamentos, á prórroga dos contratos de alugueiro e ás medidas para frear a especulación
patricia-otero-congreso-psoe
2 Oct 2026

A deputada socialista por Lugo no Congreso, Patricia Otero, esixiu aos tres deputados do PP pola provincia que dean a cara ante a cidadanía e expliquen por que votaron en contra dos decretos de vivenda. Otero denunciou que os representantes populares “deron as costas a medidas que benefician directamente a milleiros de familias lucenses” e reclamoulles que asuman a responsabilidade do seu voto ante as persoas ás que representan.

A parlamentaria socialista lembrou que estas medidas buscan responder ás dificultades de acceso á vivenda, ofrecer maior estabilidade ás persoas que viven de alugueiro e protexer os fogares máis vulnerables fronte aos desafiuzamentos. Por iso, cuestionou que os deputados populares rexeiten estas respostas nun contexto no que atopar unha vivenda a un prezo asumible constitúe un grave problema para tantas familias.

“Deberán explicarlles ás veciñas e veciños de Lugo por que están orgullosos de votar en contra da protección fronte aos desafiuzamentos, da prohibición da compra especulativa por parte de fondos voitre, da prórroga dos contratos de alugueiro ou da regulación do alugueiro de temporada e de habitacións”, denunciou.

Otero subliñou que detrás destas medidas están as necesidades de persoas que precisan acceder á súa primeira vivenda, continuar na casa na que viven ou contar con protección ante o risco de perder o seu fogar. Neste sentido, reprochou aos representantes do PP que dean as costas a unha realidade que tamén afecta á provincia de Lugo.

A deputada socialista cuestionou, ademais, as prioridades que reflicten o voto dos populares. “Por que se sitúan ao lado dos intereses especulativos e non das familias que necesitan unha vivenda? A cidadanía de Lugo merece saber por que os seus representantes rexeitan medidas para poñer freo á especulación”, manifestou.

Finalmente, reclamou aos deputados do PP que respondan ante a cidadanía lucense polas súas decisións no Congreso. “Que lles expliquen ás familias de Lugo por que lles negan protección mentres se poñen ao lado dos fondos voitre. Votar en contra destas medidas é deixar sen resposta a quen non pode pagar un alugueiro ou corre o risco de perder o seu fogar. Así demostran a súa falta de empatía e de sensibilidade”, concluíu.

0.13930797576904