Pechan a ponte que une Ronfe con Pousadela en Láncara debido á súa deterioración

SarriaXa

Os traballadores municipais do Concello de Láncara pecharon a ponte que une Ronfe con Pousadela por precaución debido á súa deterioración evidente dun dos piares sobre os que se apoia a plataforma.

8 ene 2023

Os traballadores municipais do Concello de Láncara pecharon a ponte que une Ronfe con Pousadela por precaución debido á súa deterioración evidente dun dos piares sobre os que se apoia a plataforma.

O alcalde do municipio, Darío Piñeiro, afirmou que "a seguridade é o primeiro e que non se pode asumir nin o máis mínimo risco". Ademais, explicou que hai que agardar aos informes técnicos para saber cando é seguro restablecer a circulación, pero "a simple vista, o seu estado non augura que a apertura vaia ser inmediata".

A situación da ponte viuse agravada polas importantes crecidas do río Sarria o seu paso por Ronfe que tiveron lugar durante os últimos días e que afectaron seriamente á estrutura do vial.

"É certo que esta ponte fai anos que quedou obsoleta e resulta insuficiente para dar servizo ás novas necesidades das explotación gandeiras e agrícolas máis próximas, pero supón un custe moi elevado que o Concello non pode asumir. Precisamente por iso, levamos meses traballando coa Confederación Hidrográfica para poder dar unha solución conxunta a este problema".

Pola súa parte, o presidente da Confederación, Jose Antonio Quiroga, trasladoulle a Piñeiro que o proxecto da nova ponte está "moi avanzado e que proximamente haberá novidades", sinalou o alcalde.

Finalmente, o rexedor tamén indicou que manterá conversas coa Xunta para resolver unha liña de transporte escolar que se podería ver afectada e explorar posibles vías de cofinanciación.