Peleriños abre as portas a un novo curso para manter viva a cultura galega en Sarria

SarriaXa
A asociación sarriá recupera en outubro a súa actividade formativa con propostas para diferentes idades que van desde a música e o baile tradicional ata a costura, a gaita e a percusión
Asociación-Peleriños
14 Sep 2026

A cultura tradicional galega volverá ter un espazo protagonista en Sarria a partir do 2 de outubro coa nova programación da Asociación Cultural Peleriños. A entidade, creada en 1995, prepara un novo curso de actividades dirixidas a nenos e adultos, cunha oferta que combina formación musical, baile e outras propostas vinculadas á tradición.

As aulas desenvolveranse durante tres xornadas semanais. Os martes estarán centrados especialmente no canto, a pandeireta e o baile tradicional. Miguel Carballo será o encargado de impartir canto e pandeireta ás 18.30 horas e baile tradicional ás 19.30 horas. Na mesma tarde tamén se desenvolverá un club de costura, a partir das 18.30 horas.

A programación infantil terá un peso destacado os venres. Daniel Fdez., Pablo Fdez. e Lucía Arias estarán á fronte das actividades destinadas aos máis pequenos, cunha proposta adaptada ás distintas idades.

Así, os nenos e nenas de entre 4 e 6 anos poderán participar en música tradicional ás 16.30 horas e en baile tradicional ás 17.30 horas. Para os maiores de 7 anos, o baile tradicional comezará ás 16.30 horas e a música tradicional ás 17.30 horas.

A actividade dos venres prolongarase ata as 20.00 horas, cando Ruth Pérez asumirá a sesión de baile tradicional.

A fin de semana completarase cos instrumentos tradicionais. Os sábados, ás 18.30 horas, Bruno Villamor impartirá as clases de gaita e percusión, ampliando así unha programación que busca achegar diferentes disciplinas da cultura galega a persoas con distintos niveis e idades.

Á marxe das aulas semanais, Peleriños prevé organizar durante o curso obradoiros e monográficos sobre diferentes ámbitos. Estas actividades complementarias forman parte tamén das vantaxes reservadas ás persoas socias da asociación.

Con máis de 30 anos de percorrido, Peleriños mantén así a súa actividade como punto de encontro para quen queira achegarse á música, ao baile e ás tradicións galegas. A entidade anima tanto a persoas que queiran iniciarse nestas disciplinas como a aquelas que xa teñen experiencia e buscan continuar aprendendo.

As persoas interesadas poden solicitar información a través das redes sociais de Peleriños ou nos teléfonos 620 376 329 e 693 299 292.

Aulas Peleriños Sarria
0.15889692306519