Pontón chama aos lucenses a votar polo BNG e acadar "unha vida digna"

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Recordou que Galiza encabeza a subida do IPC, cuns alugueiros disparados, os alimentos polas nubes e facturas enerxéticas que cada día se fan máis costa arriba
presentacion-campana-bng-lugo
13 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Lugo ao BNG como a alternativa en Galiza “á política antisocial do PP” e fixo un chamamento a concentrar todo o voto da xente que quere políticas que defendan “unha vida digna”.

Pontón recordou que as receitas do PP son ben coñecidas en Galiza, onde nos anos que Feijóo foi presidente da Xunta “o que fixo foi favorecer a especulación coa vivenda”, deteriorar os servizos públicos e non tomar nin unha soa medida para axudar á xente que máis o necesitaba mentres aplicaba “beneficios fiscais para os máis ricos” e “apretaba as pensións máis baixas”.

Neste sentido, lembrou que o complemento autonómico das pensións non contributivas estivo conxelado durante anos na etapa de Feijóo á fronte da Xunta e segue conxelado agora con Alfonso Rueda na Presidencia.

“Polo tanto, a política antisocial do Partido Popular xa a coñecemos e a alternativa en Galiza para freala é o BNG”, afirmou nun acto xunto á cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, para presentar as propostas do Bloque ante a suba dos prezos de cara ás eleccións xerais do 29N.

A líder nacionalista fixo un chamamento a concentrar no BNG todo “o voto inconformista e da xente que quere políticas que defendan unha vida digna”, desde o convencemento de que o Bloque vai “dar a sorpresa” nunhas eleccións nas que está “disputando escanos en todas e cada unha das circunscricións galegas”.

“Nós o que lle pedimos a toda a xente que quere que Galiza gañe peso político, que quere que este País se faga valer, que quere unha vida digna e que está decepciona ante estes anos dun Goberno que estivo a medio gas, que non quede na casa, que teñen unha alternativa diferente que é a que representa o BNG porque estamos ao lado da xente, defendendo este País e defendendo a vida das persoas”, proclamou.

Pontón mostrouse convencida de que o Bloque “vai superar todas as enquisas nestas eleccións” e avanzou que vai ir “a por todas” coa máxima ilusión. “Estou convencida ademais de que Olalla Rodil será unha voz moi poderosa que vai irromper no Congreso para darlle voz a Lugo, aos galegos e ás galegas e para deixar claro que hai unha forma diferente de facer e entender a política”, recalcou.

Porque a política, alegou, é poñer solucións aos problemas e “a principal preocupación que teñen miles de persoas neste País é que os seus salarios e as súas pensións non dan”, polo que reclamou medidas decididas como as que o BNG impulsará desde o Congreso.

Medidas entre as que se atopan a regulación por lei dos prezos dos produtos básicos de alimentación, o establecemento dun tope nos prezos dos carburantes e dos alugueiros ou que Galiza se beneficie da súa riqueza enerxética cunha tarifa eléctrica máis barata.

A líder nacionalista recordou que Galiza encabeza a subida do IPC -pese a que ten os salarios e as pensións máis baixas do Estado-, cuns alugueiros disparados, os alimentos polas nubes e facturas enerxéticas que cada día se fan máis costa arriba para a maioría social, o que evidencia a perda de poder adquisitivo dos galegos e das galegas.

“Hai algo que baixo ningún concepto podemos dar por normal e é que un salario non che permita chegar a fin de mes”, afirmou para negar a continuación que se poida normalizar que miles de mozos e mozas que non se poidan independizar por que non poden acceder a unha vivenda a un prezo asumible ou que as pensións estean por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.

Por iso, reafirmou o compromiso do BNG para impulsar medidas que axuden á maioría social nun momento no que o que máis preocupa a todas as persoas no seu día a día é “como cadrar as contas para chegar a fin de mes” porque hai miles de persoas que a día 15 “xa non teñen salario na súa conta”. “O Goberno ten que ser valente e tomar medidas decididas e ese será o impulso que lle poda dar o BNG desde o Congreso”, concluíu.

Pola súa parte, Olalla Rodil explicou que chegar a fin de mes é unha das principais preocupacións que ten a cidadanía, máis se cabe en Lugo, que ten un dos salarios máis baixos do Estado e as segundas pensións máis baixas de Galiza, por baixo mesmo dos 1.000 euros no caso da agraria ou das pensións de viuvez.

Nesta liña, criticou que o primeiro que pedira o PP na precampaña fora pedirlle sacrificios á cidadanía de Lugo. “E eu pregúntome que sacrificios, que máis sacrificios lle pide á xente desta provincia que a duras penas pode pagar o alugueiro, encher a neveira, pagar as facturas e intentar, a xente máis nova, poder aforrar”, cuestionou.

“A xente de Lugo non ten que sacrificarse, ten que ter unha vida digna e con dereitos e iso é o que imos defender desde o BNG a partir do 29 de novembro no Congreso”, proclamou.

Fronte a ese PP que pide sacrificios, Rodil pediu a toda esta xente que confíe no BNG. “Imos a darlle a esta cidade e a esta provincia unha voz forte, peso político en Madrid para defender o máis importante, que é ter dereito a unha vida digna”, afirmou, para concluír incidindo no compromiso do Bloque con facilitar á xente de Lugo que chegue a fin de mes con tranquilidade e, no caso das e dos pensionistas, levar unha vida con calma e sen medo “a eses sacrificios que pide o Partido Popular”.

0.11362504959106