Presentan as bases do XXVI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño con 6.000 euros de premio

SarriaXa
O certame, en lingua galega e con obras inéditas, manterá aberto o prazo de presentación ata o 22 de xuño de 2026
premio-Fiz-Vergara-Ergueitas-Sarria
29 May 2026

O Concello de Sarria, en colaboración coa Agrupación Cultural Ergueitas, vén de convocar o XXVI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño 2026, un certame literario xa consolidado que busca promover a creación poética en lingua galega.

As obras presentadas deberán estar escritas en galego, ser inéditas e non ter sido premiadas en ningún outro concurso. Establécese unha extensión mínima de 500 versos, e a escolla ortográfica de cada traballo non será obxecto de valoración por parte do xurado.

Os orixinais deberán presentarse por cuadriplicado, en tamaño DIN A4 e escritos por unha soa cara, acompañados dun sobre pechado co lema da obra no exterior e cos datos persoais da autora ou autor no interior. O envío realizarase por correo certificado ao Concello de Sarria, na rúa Maior 14, e o prazo de presentación permanecerá aberto ata o 22 de xuño de 2026.

O premio estará dotado cun único galardón indivisible de 6.000 euros, suxeito á normativa fiscal vixente. O xurado poderá declarar deserto o certame se considera que as obras non alcanzan a calidade mínima esixida.

O fallo será emitido antes do 8 de novembro de 2026 e corresponderá a un xurado formado por persoas de prestixio no ámbito da creación e da crítica literaria. A organización destaca que a obra premiada será publicada en primeira edición pola Editorial Espiral Maior, mentres que os traballos non premiados non serán devoltos e serán destruídos unha vez resolto o certame.

0.11768889427185