Presentan en Lugo unha nova campaña informativa para aumentar a seguridade dos peregrinos nas rutas xacobeas

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa
Estarán dispoñibles en galego, castelán e inglés e distribuiranse na rede pública de albergues, con especial incidencia nas entradas a Galicia, e nos establecementos privados de acollida
presentacion-campana-seguridade-no-camino
25 May 2026

Turismo de Galicia vén de poñer en marcha a campaña informativa A seguridade marca o Camiño, unha nova acción para facilitar aos peregrinos un acceso directo e rápido aos recursos de protección e seguridade dispoñibles en calquera punto da ruta xacobea.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá a iniciativa no Centro de Interpretación do Camiño Primitivo, en Lugo, acompañado polo xefe provincial da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Lugo, o inspector xefe Moisés Muñiz, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, así como o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, onde resaltou que se trata dunha medida “coa que levamos toda a rede de protección que xa temos, directamente ás mans e aos móbiles dos peregrinos”.

Como indicou, esta acción consiste na distribución de máis de 7.600 unidades de material divulgativo con información práctica e accesos directos a teléfonos útiles de emerxencias, Garda Civil, Policía, Servizos de Atención á Muller e especializados, entre outros. Trátase de carteis, pegatinas e tarxetas, que se completan cun código QR de acceso directo a unha páxina web con toda a información. Os materiais están dispoñibles en galego, castelán e inglés, e distribuiranse principalmente na rede pública de albergues do Xacobeo, con especial incidencia nas entradas a Galicia dos distintos Camiños, así como nos albergues privados de peregrinos.

Camiño tranquilo e seguro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recordou que esta campaña nace coa intención de seguir traballando de xeito coordinado coa Policía Autonómica, Nacional, Local e a Garda Civil “para garantir que o Camiño de Santiago sexa, como xa é, un espazo protexido onde os peregrinos realicen a ruta de forma segura e tranquila”, expresou Xosé Merelles.

A campaña está enmarcada nos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2025-2027 no que a Xunta inviste máis de 140M€ que inclúe medidas para optimizar a atención aos peregrinos e tamén no traballo que está realizando a Xunta de Galicia dentro dunha estratexia máis ampla con vistas ao Xacobeo 2027. “O Xacobeo 2027 é unha oportunidade histórica para Galicia e para España. Millóns de peregrinos de todo o mundo virán percorrer os distintos itinerarios xacobeos e buscan, ademais de espiritualidade e experiencias, seguridade e acollida. Esta campaña é tamén a nosa declaración de intencións porque traballamos para que o Xacobeo 2027 sexa lembrado por que Galicia demostra ao mundo que sabe protexer e acoller a quen a visita”.

Ademais, A seguridade marca o Camiño ponse en marcha nun momento de especial vitalidade da peregrinación. No que vai de 2026 xa se entregaron máis de 134.000 Compostelas, un 3% máis que no mesmo período de 2025, cun 69% de peregrinos estranxeiros.

0.13112688064575