Quince bandas e músicos confirmados para a nova edición do Esmorga Fest

SarriaXa
Quince bandas e músicos confirmados para a nova edición do Esmorga Fest, os días 19 e 20 de maio no concello de Sarria
Esmorga Fest Sarria
Esmorga Fest Sarria
3 abr 2023

O Esmorga Fest ultima o cartel para a vindeira edición do festival, que se celebrará os días 19 e 20 de maio en Sarria coa Vicepresidencia da Deputación como principal patrocinio institucional.

Así, actuarán diferentes bandas musicais, como a británica Bdrmm, que destaca nas listas de éxito do Reino Unido e acumula reseñas en publicacións internacionais de referencia, e a sueca Last Days of April, que conxugan os nomes internacionais do festival, que conta con 15 grupos confirmados.

Charnego, Grande Amore, Pálida, Cora Novoa, Lagoon, La Plata, VVV  [TrippinYou], The Parrots, Ghouljaboy, Los Punsetes, Yawners, John Axiom e o artista local Castro, fundador de Disco As Palmeras que emprende proxecto en solitario, figuran tamén no cartel, co que a organización mantén a premisa que inspirou a creación do festival. “Buscamos grupos emerxentes, que poidan sorprender ao público,  máis que reunir ao top ten do xénero”, resumen.

Apoio da Deputación de Lugo

O deputado Efrén Castro valorou “o traballo da organización , que se sobrepuxo  a incertidume do inicio,  e que coa nova edición mantén Sarria no mapa dos festivais máis destacados de Galiza e do resto do Estado” e destacou “a importancia de soster e reforzar este tipo de eventos para a proxección cultural e turística de Sarria”.

A organización agradeceu “a boa acollida que tivo o anuncio da nova edición, coa venda en tempo récord dos primeiros dous paquetes de entradas con desconto”, e destacou “o bo ritmo que mantén a venda de entradas”, que se poden adquirir na web do festival.

O Esmorga Fest mantén o formato das últimas edicións, con  concertos de pago na Sala Litmar - os días 19 e 20 - e actuacións gratuítas – o día 20 -  en La Unión, nunha xornada que abre o festival a un público moi diverso e, sobre todo, á veciñanza de Sarria.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo será a principal patrocinadora do festival que se ven celebrando desde 2015 - coa excepción do 2020, ano de explosión da pandemia, e un formato reducido en 2021-.

O apoio económico da área de Cultura garantiu a continuidade do evento, que está entre os mellor valorados de Galiza e do resto do Estado no seu formato e que conta cunha gran implicación e apoio da veciñanza e do tecido asociativo e empresarial de Sarria.