Ramiro Valcárcel, adestrador do Páramo: “Estamos a traballar por manternos nesta categoría”

Jessica Fernández
A SD O Páramo, que desde o ano 2024 compite en Segunda Autonómica de Galicia, conta cun novo adestrador desde hai uns meses, Ramiro Valcárcel, quen valora positivamente a oportunidade de dirixir este equipo, sendo a primeira vez que o desenvolve o papel de técnico nun equipo sénior. “O Páramo quería un novo adestrador, chamáronme, eu vin o cadro de xogadores, pareceume boa e que se podía traballar con eles. Fíxome ilusión porque eu estivera xogando no equipo hai anos e é a primeira vez que adestro un equipo sénior”, explica.
Así, o percorrido nestes meses é “positivo, porque eu aprendo moito, é unha experiencia no ámbito do fútbol e para a vida. Estou contento porque os rapaces teñen unha predisposición moi boa, veñen adestrar habitualmente e estamos a traballar por conseguir o obxectivo de manternos nesta categoría, xa que collín o equipo nunha situación delicada, pero vexo boa predisposición e bo xogo para conseguir a meta”, e incide en que “estou moi contento no club e síntome cómodo”.
Con respecto aos xogadores, estes adestran os mércores e os venres ás 20.45 horas e duran arredor de 2 horas. “Adestramos tan tarde para permitir a compatibilidade cos estudos ou cos traballos dos profesionais. Hai xogadores incluso que viven en Coruña ou Santiago e eles só poden adestrar un día”, sostén o técnico.
“Pero tamén temos xogadores do Páramo e da comarca”, pon en valor, destacando a afección: “Temos moita afección e sobre todo moi comprometida co equipo. Nunca nos sentimos sos nos partidos, sempre hai xente animando, incluso nalgún campo era máis xente do Páramo que do equipo local e iso hai que sinalalo. Todo isto repercute no ánimo dos xogadores que se senten agradecidos por este apoio que nos fai estar centrados no obxectivo de manternos nesta categoría, xa que nos animan en vez de criticarnos cando as veces non saen as cousas”, destaca.
Con respecto ao equipo, di que “o núcleo de xogadores é bo. Está Borjita, que leva desde o ano 2010 no equipo, que é o capitán, e é un valor a resaltar porque tira moito polo grupo e ten valor que leve tanto tempo; logo está Juan, que é o dianteiro, que é do Páramo, tira moito polo club, encárgase de levar a roupa, axuda bastante; logo está Julio, Teo, Juan Rivero, Hugo, Pepe, Miguel… persoas que levan moitos anos no club… Non quero destacar a ningún por riba do outro, xa que temos moi bo equipo. Para min todos son moi importantes porque veñen adestrar e non poñen mala cara cando non xogan”.
Con respecto ao tipo de xogo, di que “intentamos gañar xogando mal, se perdemos da maneira que non nos gusta, non desfrutamos, e para desfrutar hai que ter o balón. Esta categoría é para desfrutar, hai que xogar ben e se non gañamos, polo menos nos divertimos. O fútbol é para divertirse porque nesta categoría non se pode vivir do fútbol, só lles dan a roupa para os partidos. O club convídanos a comidas e ceas para compensarnos e tamén nós agradecemos ao club que faga ese esforzo”, defende. Así, remata dando as grazas ao club por confiar “en min e aos xogadores por estar sempre dispostos a traballar e a intentar sacar o equipo adiante”, conclúe.