Raquel Arias e Héctor Corujo visitaron unha das casas do maior do Concello do Incio

SarriaXa
Xa se poden solicitar as axudas da Xunta para a apertura de novos establecementos deste tipo
Casa-do-maior-do-Incio
Casa-do-maior-do-Incio
24 may 2024

A deputada do Grupo Popular Raquel Arias visitou, en compañía do alcalde de O Incio, Héctor Corujo, unha das casas do maior neste municipio lucense e informou que xa se poden solicitar as axudas da Xunta para a apertura de novos establecementos deste tipo.

Como novidade, esta nova convocatoria inclúe unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o período de baixa por maternidade ou paternidade da persoa que se encarga deste servizo.

Raquel Arias puxo de relevo que as casas do maior son “unha clara aposta do Goberno de Alfonso Rueda pola conciliación e polo avellentamento activo no rural galego, ademais de facilitar a creación de postos de traballo no rural e asentar a poboación nos concellos máis pequenos”.

En concreto, as casas do maior son un servizo gratuíto de atención diúrna ás persoas maiores de 60 anos, sen dependencia ou con grao I, empadroadas nun concello de menos de 5.600 habitantes.

Neste momento, Galicia conta con 123 casas distribuídas por toda a xeografía galega, das que sete están localizadas no sur da provincia de Lugo: unha en Folgoso do Caurel, dúas no Incio, unha en Taboada e tres no Saviñao.

A deputada popular animou a solicitar as axudas para a creación de novas casas do maior ao abeiro da orde da Consellería de Política Social e Igualdade publicada no Diario Oficial de Galicia, cun orzamento total de 1,3 millóns de euros.

Ademais da axuda para o financiamento destes centros, a Xunta financia as obras de adecuación dos espazos, ata un máximo de 15.000 euros por actuación.