Rebuldeira Teatro leva 'A Desconfianza' á Casa da Cultura de Sarria este domingo

A compañía Rebuldeira Teatro volverá representar 'A Desconfianza' este domingo 15 de novembro en Sarria. A función terá lugar ás 20.00 horas no Salón de Actos Iván Tourón Morais da Casa da Cultura e contará con entrada gratuíta.
A obra está composta por catro pezas de microteatro que presentan situacións disparatadas nas que a desconfianza se converte no fío condutor. A través do humor e da ironía, a proposta aborda diferentes contradicións e comportamentos propios da sociedade actual.
Entre as historias figura unha entrevista de traballo na que as preguntas resultan máis sorprendentes ca propia persoa candidata. Tamén aparece unha investigadora que sospeita de todo o que a rodea, ata da súa propia sombra, e un militante político que se enfronta ás contradicións que pode implicar manter os seus principios.
O espectáculo complétase coa peripecia de tres pingüíns empeñados en chegar ao corazón de Europa, malia non dispoñeren de pasaporte nin dun plan para conseguilo. Catro relatos independentes que utilizan o absurdo para convidar o público a rir das incertezas e das sospeitas que marcan estes tempos.
Con esta nova función, Rebuldeira Teatro ofrece outra oportunidade para gozar do teatro afeccionado e apoiar o traballo das compañías que contribúen a manter viva a actividade escénica.