Reclaman ao Goberno e a ADIF unha "solución definitiva" para o illamento do barrio da Estación de Oural

SarriaXa
Os populares denuncian problemas de accesibilidade, danos provocados polas obras da estación ferroviaria e risco de inundación por falta de sistemas de evacuación de augas pluviais
estación-Oural-Sarria-PP
3 Sep 2026

O Partido Popular reclama ao Goberno Central e a ADIF unha "solución definitiva" para os problemas que, segundo denuncian, están a afectar ao barrio da Estación de Oural, en Sarria, como consecuencia das obras executadas na estación ferroviaria. Os populares sinalan especialmente as dificultades de acceso peonil e para vehículos de emerxencias e servizos, así como distintos danos ocasionados na contorna.

Os representantes do PP lucense trasladarán novamente estas demandas ao Congreso dos Deputados, despois do compromiso adquirido por Francisco Conde e Jaime de Olano durante unha visita ao barrio xunto cos concelleiros populares de Sarria. Nese encontro, os veciños puideron expor directamente os problemas de accesibilidade e outras deficiencias derivadas das actuacións ferroviarias.

Entre as cuestións sinaladas polos residentes tamén se atopa o deterioro da fonte e o risco de inundación que, segundo os populares, existe no barrio ao non terse previsto sistemas adecuados para a evacuación das augas pluviais. Para o PP, esta situación está a provocar o illamento da zona e numerosas queixas por parte dos veciños, que foron trasladadas tanto ao Concello como ao Goberno de España.

"Esiximos que o Ministerio de Transportes e ADIF asuman as súas responsabilidades e corrixan as deficiencias que afectan á vida diaria dos veciños e melloren a súa accesibilidade antes de ter recepcionada a obra", reclaman os populares.

Francisco Conde cualificou a situación de "insólita" e asegurou que está a afectar "gravemente á accesibilidade ao barrio da Estación tanto aos peóns como aos vehículos". Pola súa banda, Jaime de Olano criticou o que definiu como "esta nova chapuza do Goberno de Sánchez na provincia", que, segundo sinalou, están a sufrir directamente os residentes do barrio da Estación de Oural.

Os deputados populares tamén cuestionan o estado doutras actuacións ferroviarias na provincia e aseguran que as obras das estacións de Lugo, Monforte e Sarria tampouco foron recepcionadas por ADIF debido ás "múltiples deficiencias" que, ao seu xuízo, impiden dar por rematados os traballos. Consideran que esta situación está a prexudicar os usuarios e a conectividade da provincia de Lugo co resto de Galicia e de España.

Seguimento das actuacións

O Grupo Municipal Popular de Sarria asegura que mantén un seguimento das consecuencias das obras ferroviarias para os veciños do barrio de Oural. Segundo explica, tras levar esta cuestión ao Pleno municipal conseguiuse a reapertura da rúa ao tráfico e unha mellora do firme, que se atopaba moi deteriorado polo paso da maquinaria das obras.

Porén, os populares sosteñen que continúan sen resolverse os problemas de accesibilidade ao barrio nin outros danos ocasionados durante a execución dos traballos.

As iniciativas presentadas polo PP no Pleno do Concello tamén chegaron ao Senado a través dos representantes lucenses nesta Cámara. Agora, os deputados populares pretenden dar un novo paso para trasladar ao Goberno as queixas dos residentes e reclamar unha actuación antes da recepción definitiva das obras.

A portavoz municipal, Carmen José López, reafirma así o compromiso do PP cos veciños do barrio da Estación de Oural e asegura que manterán abertas "todas as vías de presión parlamentaria" ante o Goberno e ADIF ata conseguir que se corrixan as deficiencias e se recuperen unhas condicións de accesibilidade e servizos "plenamente dignas".

0.15001487731934