Renovaranse diferentes estradas de Sarria para mellorar os accesos aos núcleos rurais

SarriaXa
A través de diferentes lotes de importe económico, darase resposta ás peticións veciñais de mellorar diferentes vías municipais
traballos-estrada-Sarria,-LU-P-5713
27 sep 2024

A Xunta de Goberno do Concello de Sarria vén de adxudicar tres lotes de obras en estradas municipais por case 500.000 euros.

Así, o primeiro lote refírese ao plan de mellora de camiños rurais de zonas de concentración parcelaria. Neste caso, a empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos contará con 134.000 euros e un prazo de 15 días para levar a cabo os traballos de mellora en vías de Maside, concretamente, nos accesos a Río, O Currial, en Zanfoga e de Penagache a Airexe. O proxecto estará cofinanciado pola Xunta.

O segundo lote de obras, que neste caso estará cofinanciado por Agader e que corresponde ao plan de mellora de camiños 2024-2025, actuará nos accesos de Vilarello, Lamas, A Pena e Vilaesteva desde a estrada LU-P-5703 e a igrexa de Vilanova. A empresa encargada será Jesús y Páramo e terán 100.702 euros e quince días para acometelas.

A mesma empresa levará a cabo os traballos do terceiro lote de obras con cargo ao plan Deputación. Neste caso, o importe sube notablemente, sendo de 257.000 euros e contando con 41 días para levar a cabo mellorar nos accesos de diferentes núcleos de poboación, como o do Piñeiro, o de Vigo de Sarria a O Castro dos Petos, o acceso ao núcleo de Couso, entre o cemiterio de Chorente e a pista de Vilamaior, no núcleo de Abeledo, desde o campo de fútbol a Chorente, a San Fiz de Vilapedre, a Fondo do Agro, desde Maside a Ponte de Santalla, desde Guitián ata O Calvario e San Pedro, a Castelo de Loureiro pola estrada LU-P-5711, en Ribeira, Regueiro, entre O Carballal e Castelo dos Infantes, á igrexa de Fontao desde Vilasante, entre Fafián e As Aceas, a Taíde e na escola da Pinza.

0.13955903053284