Ribas de Miño celebrará esta fin de semana as festas na honra a Santiago Apóstolo

A parroquia de Ribas de Miño, no concello do Páramo, celebrará esta fin de semana as súas festas na honra a Santiago Apóstolo cun programa que se desenvolverá os días 25 e 26 de xullo e que se completará cunha churrascada popular o 31 de xullo.
As celebracións comezarán o sábado, 25 de xullo, cunha misa solemne ás 13.00 horas, seguida da procesión e dunha sesión vermú amenizada pola Asociación Cultural Río Miño, dentro do programa Tradigalu da Deputación de Lugo, e polo grupo La Fábula, que tamén será o encargado de poñer a música á verbena da noite.
O domingo, 26 de xullo, repetirase a misa solemne e a procesión ás 13.00 horas, antes dunha sesión vermú coa orquestra Alabama. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, disputarase un campionato de tute, con inscricións abertas ata o 23 de xullo, e ás 19.00 horas celebrarase un tardeo amenizado tamén pola orquestra Alabama.
A programación concluirá o venres, 31 de xullo, cunha churrascada popular prevista para as 22.00 horas, seguida da actuación musical de Dani Pardo. A organización informa de que as inscricións para participar nesta cea permanecerán abertas ata o 28 de xullo.