O BNG acusa ao PP de “cinismo político” pola falta de pediatra en Sarria e denuncia sobrecarga asistencial

SarriaXa
Pola súa parte, o PP sostén que a vacante existente responde a unha xubilación e responsabiliza ao Ministerio de Sanidade da falta de especialistas en toda España
centro-saude-sarria
4 Jun 2026

A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acusou ao Partido Popular de negarse a cubrir a praza de pediatría no centro de saúde de Sarria, onde a poboación infantil de 0 a 15 anos, segundo denunciou, está a sufrir as consecuencias da falta de planificación e da improvisación da Xunta de Galicia. Rodil sostivo que o Goberno galego intenta “enganar” ás familias ao afirmar que apoia as súas demandas pero, ao tempo, non adopta decisións para resolver o problema.

Na súa intervención, a deputada nacionalista agradeceu o que cualificou como un “arranque de sinceridade” por parte dos populares nas reunións coas familias, ao tempo que os acusou de actuar con dobre discurso, asegurando que mentres en concentracións cidadás se lles dá a razón ás nais e pais mobilizados, nos espazos de decisión se lles pechan as portas. Nese contexto, dirixíndose ao PP, afirmou que practican un “cinismo político” e chegou a cualificalos de “máis falsos que unha moeda de tres euros”.

Bloque Nacionalista Galego lembra que as familias de Sarria e da súa comarca xa reuniron máis de 2.000 sinaturas e desenvolveron mobilizacións para reclamar a cobertura estable da praza de pediatría, demandando unha atención continuada, próxima, accesible e pública para a infancia.

Rodil relacionou esta situación coa falta de planificación e coa insuficiencia de políticas de persoal por parte do Goberno autonómico en materia de formación, contratación e cobertura estable de prazas. Argumentou que non se pode escudar a Administración na falta de profesionais se non se planifica nin se garante a cobertura das necesidades asistenciais da poboación.

A deputada tamén puxo o foco no feito de que, segundo datos do Consello de Contas, existen 120 concellos sen pediatra e outros 96 nos que o servizo é compartido, e advertiu de que en Lugo se produce unha maior derivación de pediatría a medicina de familia que a media galega, sen que isto mellore a atención efectiva ás crianzas.

Na Comisión de Sanidade, explicou que o centro de saúde de Sarria conta con dúas prazas de pediatría, pero unha delas está vacante tras a xubilación da súa titular e non foi cuberta, o que está a provocar unha sobrecarga na única profesional dispoñible na zona. Segundo denunciou, esa situación afecta a máis de 2.000 menores de entre 0 e 15 anos procedentes de Sarria e de concellos como Láncara, A Pobra de San Xiao, O Páramo, O Incio, Paradela, Samos e Triacastela.

Rodil tamén criticou as declaracións da dirección de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, que situaba a media de tarxetas sanitarias en pediatría entre 900 e 1.000, e contrapuxo esas cifras coa realidade da comarca de Sarria, onde unha única pediatra atendería máis de 2.000 menores, o que considerou unha carga inasumible.

A deputada advertiu ademais de que esta situación está a xerar demoras de máis de quince días e mesmo de ata un mes para unha consulta ordinaria, o que deriva nun incremento das urxencias pediátricas no HULA e nun aumento das consultas en centros privados. Sostivo finalmente que esta falta de cobertura impide garantir dereitos básicos da atención pediátrica, como os controis do programa da nena e do neno san, o seguimento de enfermidades comúns e estacionais ou a atención ás urxencias.

RESPOSTA DO PP

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo, asegurou que a Xunta de Galicia non realizou ningún recorte nin suprimiu o servizo de pediatría no centro de saúde de Sarria. Segundo explicou, a situación actual débese á xubilación dunha profesional, o que deixou unha praza vacante que o Servizo Galego de Saúde xa ten ofertada co obxectivo de cubrila canto antes.

A deputada popular afirmou que, mentres non se incorpora un novo especialista, a atención pediátrica continúa garantida mediante a cobertura diaria do servizo por outros profesionais sanitarios.

Amigo realizou estas declaracións en resposta á iniciativa presentada polo BNG no Parlamento galego, á que acusou de estar baseada no “alarmismo, a demagoxia e o uso partidista das familias de Sarria”. Neste sentido, lamentou que os nacionalistas non aceptasen a emenda presentada polo Grupo Popular, na que se propoñía cubrir a vacante existente cando houbese profesionais dispoñibles e seguir garantindo a máxima calidade asistencial para a poboación infantil do municipio e da súa comarca.

A parlamentaria do PP tamén criticou que o BNG non mencione, ao seu xuízo, a falta de especialistas que afecta ao conxunto de España. Segundo indicou, esta situación é consecuencia dunha insuficiente planificación dos recursos humanos sanitarios por parte do Ministerio de Sanidade.

Neste contexto, responsabilizou ao Goberno central de non anticiparse ao elevado número de xubilacións previstas nos últimos anos nin de incrementar con suficiente antelación a formación de pediatras e médicos de familia. Segundo sostivo, a falta de medidas estruturais para garantir a substitución xeracional dos profesionais sanitarios está detrás dos problemas actuais de cobertura.

Amigo tamén sinalou que o BNG, polo seu apoio ao Executivo de Pedro Sánchez, é “corresponsable” desta situación. Afirmou que os nacionalistas reclaman solucións e participan en mobilizacións, pero acusounos de non respaldar iniciativas impulsadas pola Xunta para reforzar a sanidade pública galega.

Finalmente, a deputada popular instou ao BNG a trasladar as súas reivindicacións ao Goberno central para aumentar a capacidade formativa dos especialistas, mellorar a planificación dos recursos humanos e adoptar medidas que permitan garantir un número suficiente de profesionais tanto en Galicia como no resto do Estado.

0.11475706100464