Samos acolle a exposición fotográfica "Gardiáns" de Jorge Arévalo

A Praza Vergara Vilariño de Samos acolle desde hoxe e ata o 11 de setembro a exposición fotográfica "Gardiáns", do fotógrafo Jorge Arévalo, unha mostra que achega ao público diferentes aspectos relacionados coa actividade gandeira e co papel das razas autóctonas.
O traballo diario nas ganderías, a presenza dos animais na cultura, os ciclos vitais e as consecuencias dos incendios forestais sobre a actividade gandeira son algunhas das cuestións que aborda esta colección fotográfica, promovida pola Federación Galega de Razas Autóctonas (Boaga) e financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A exposición puido visitarse nos últimos meses no Vello Cárcere de Lugo e na Sala de Exposicións e agora chega a Samos nun formato adaptado especificamente para espazos ao aire libre. Este deseño facilita a itinerancia da mostra por diferentes puntos da provincia e permite achegar o seu contido a un público máis amplo.
Na presentación da exposición participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; a alcaldesa de Samos, Chus López; o autor da mostra, Jorge Arévalo, e representantes de Boaga.