Samos acolle a exposición ‘Hospitalidade monástica’, integrada na programación de 'O Teu Xacobeo'

SarriaXa
A mostra permanecerá durante un mes no municipio e percorre a historia da acollida aos peregrinos nos mosteiros vinculados ao Camiño de Santiago
mostra-Hospitalidade-Samos
5 Aug 2026

A exposición itinerante Hospitalidade monástica abriu as súas portas en Samos da man do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román. A iniciativa forma parte da programación de O Teu Xacobeo, que este ano reúne 56 proxectos culturais e conta cun investimento global dun millón de euros na antesala da celebración do Ano Santo 2027.

A mostra está composta por vinte paneis que afondan no papel dos mosteiros como espazos de acollida ao longo da historia do Camiño de Santiago. Ademais, complétase cun audiovisual que pode verse na planta baixa da Casa do Concello. Tras permanecer un mes en Samos, a exposición visitará outros catro municipios rurais galegos con tradición de asistencia monástica aos peregrinos.

Durante a inauguración, Marcos Gómez Román destacou a hospitalidade como un dos valores esenciais do fenómeno xacobeo e lembrou a importancia que tiveron os mosteiros na consolidación das rutas de peregrinación. Segundo explicou, estes espazos ofreceron durante séculos aloxamento, alimento, descanso e orientación a milleiros de camiñantes, converténdose en lugares de encontro e intercambio cultural.

Entre os contidos da exposición destaca a documentación que acredita a presenza de servizos de acollida a peregrinos en Samos desde a Idade Media, tanto na hospedaría do mosteiro como nun antigo hospital situado na actual avenida Compostela e desaparecido na actualidade. A mostra tamén pon en valor a contribución dos monxes de Samos ao desenvolvemento do culto xacobeo e aos primeiros momentos da cidade de Santiago de Compostela.

O proxecto inclúe ademais publicacións divulgativas, contidos audiovisuais e pódcast destinados a achegar ao público a relevancia histórica da hospitalidade monástica e o papel que desempeñaron os mosteiros na configuración das distintas rutas xacobeas.

Desde a organización sinalan que a itinerancia desta proposta responde ao obxectivo de descentralizar a programación cultural e levala a concellos de menor tamaño, contribuíndo ao mesmo tempo á dinamización das localidades polas que discorren os distintos camiños de peregrinación.

A iniciativa forma parte da programación de O Teu Xacobeo para 2026. Ademais, a convocatoria destinada aos proxectos que se desenvolverán durante 2027 permanecerá aberta entre o 1 e o 31 de outubro para profesionais, pequenas e medianas empresas e entidades sen ánimo de lucro.

0.12059593200684