Samos acolle a representación de 'Vermello', unha obra sobre a represión e as voces silenciadas na Guerra Civil

A zona cuberta do Campo da Festa de Samos acollerá este sábado 7 de novembro a representación de 'Vermello', unha obra de Rebuldeira Teatro que afonda na represión, a falta de liberdade e as vidas silenciadas durante a Guerra Civil. A función comezará ás 19:00 horas e estará dirixida a público maior de 16 anos.
A montaxe mestura personaxes históricos como Manuel Díaz, coñecido como o médico dos pobres, Rafael de Vega e Franco, con historias ficcionadas sobre persoas que non podían expresar libremente o seu amor por medo a ser perseguidas. A través deste encontro entre realidade e ficción, a obra rende homenaxe ás vítimas da represión e a todas aquelas persoas ás que se lles negou a liberdade.
'Vermello' reflexiona tamén sobre a persistencia da memoria e a posibilidade de que os episodios máis escuros da historia volvan repetirse. A proposta combina diferentes emocións, desde a risa ata a morte, pasando polo lamento e a ledicia, para recuperar as voces que quedaron silenciadas.