Samos acollerá o 17 de maio o concerto das Letras Galegas da Banda de Música da Comarca de Sarria

Samos acolléra un concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria o domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 13:00 horas na praza Fiz Vergara Vilariño e coa colaboración co Concello de Samos.
Ao igual que no concerto das Letras Galegas de 2025, Manuel Montero López volverá estar á fronte da dirección musical da banda e contará tamén coa participación do alumnado do CEIP de Samos, que realizará durante o concerto a lectura de diferentes textos da literatura galega. Ademais, os estudantes sumaranse á interpretación final do Himno Galego coas súas voces.
A agrupación repetirá así unha iniciativa que xa levou a cabo o pasado ano con motivo desta celebración. Nesta ocasión, o programa estará integramente dedicado á música galega e abrirase coa interpretación do pasodobre Bagaxes, de Carlos Rodríguez Torres. A continuación soará A Lenda de Montelongo, de Bernardo del Río e con arranxo de Mateo Naval, considerada a primeira zarzuela escrita completamente en galego.
O repertorio continuará con Semente dun Home Sabio, composición de Adrián Silva Magdalena para sachos solistas acompañados por banda, ademais de Cantos da Aldea, de Manuel Alejandro López Pérez, e Muiñozart, obra de Ángel Montes inspirada na Marcha Turca de Mozart e adaptada ao ritmo dunha muiñeira. O concerto concluirá coa interpretación do Himno Galego.
Desde a Banda de Música da Comarca de Sarria agradeceron a colaboración do Concello de Samos, especialmente da alcaldesa María Xesús López López, así como da Deputación de Lugo, pola súa implicación na organización do evento. A agrupación tamén destacou o interese mostrado polo CEIP de Samos e polas familias do alumnado, ás que agradecen o apoio para facer posible esta iniciativa cultural orientada a fomentar a cohesión social e achegar a música de banda ás novas xeracións.
Este concerto chega unha semana despois da actuación ofrecida pola banda na Feira de San Isidro de Sarria, celebrada o pasado 10 de maio, e marca o inicio dunha intensa programación estival. Durante os próximos meses, a BMCS participará en numerosas citas musicais e festivas, entre elas as celebracións de San Xoán en Sarria, o III Festival de Bandas da Comarca de Sarria, o Ultreia et Suseia, o Festival Blues no Camiño ou a Noite Meiga, ademais doutras actividades que se irán anunciando progresivamente.