Samos acollerá un seminario para debater sobre os lumes, a conservación da natureza e o futuro do rural

SarriaXa
A cita celebrarase o 20 de xuño na antiga biblioteca da localidade e rematará cunha visita guiada ao Monte de Toca para coñecer as actuacións de conservación desenvolvidas na zona
Biblioteca-Samos
18 Jun 2026

A antiga biblioteca de Samos converterase o próximo 20 de xuño nun foro de reflexión sobre a prevención dos incendios forestais, a protección dos espazos naturais e as oportunidades de desenvolvemento sostible no medio rural. O seminario Lumes, desenvolvemento rural e conservación da natureza está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) dentro das actividades que leva a cabo no Monte de Toca en colaboración con Cruz Vermella, co obxectivo de divulgar os valores ambientais deste enclave e promover o debate arredor dos retos que afronta o territorio.

A xornada desenvolverase entre as 10.00 e as 18.00 horas e reunirá a especialistas, entidades e persoas vinculadas ao ámbito rural para analizar os efectos dos incendios forestais, a evolución da paisaxe galega e as alternativas para compatibilizar a conservación da biodiversidade co desenvolvemento económico das comunidades locais.

O programa comezará ás 10.00 horas coa recepción dos participantes. Quince minutos despois, representantes de Cruz Vermella e da AGCT presentarán o proxecto de conservación impulsado no Monte de Toca e o papel da participación social na protección do territorio.

Ás 10.30 horas, Alba Geada e Mar Pérez Fra, da Universidade de Santiago de Compostela, abordarán os cambios experimentados pola paisaxe rural desde mediados do século XX, facendo fincapé na transformación do territorio e nas novas dinámicas socioambientais. Posteriormente, ás 11.30 horas, Boris Hinojo, da empresa 3edata, ofrecerá unha intervención centrada nos novos mecanismos para a valorización da natureza en montes de elevado interese ambiental.

Tras unha pausa para o café ás 12.15 horas, a programación continuará ás 12.45 cunha mesa redonda titulada Xente a favor do territorio e fronte aos lumes, na que se compartirán experiencias locais relacionadas coa prevención dos incendios e a conservación do medio natural. O xantar será libre a partir das 14.15 horas.

A sesión da tarde arrancará ás 16.30 horas cunha visita guiada ao Monte de Toca. Este percorrido interpretativo permitirá coñecer sobre o terreo a evolución recente da paisaxe, os valores ecolóxicos deste espazo e as actuacións de conservación realizadas ao abeiro do convenio subscrito entre a AGCT e Cruz Vermella.

Os organizadores subliñan que o encontro pretende poñer o foco na importancia da poboación local, na recuperación dos usos tradicionais do territorio e no papel da gandería extensiva e doutras actividades sostibles como ferramentas para reducir o risco de grandes incendios e contribuír á conservación da biodiversidade.

O seminario está aberto tanto á veciñanza da comarca como a profesionais da xestión ambiental e forestal, representantes do sector primario, investigadores, administracións públicas e persoas interesadas no futuro do medio rural. A participación require inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización.

0.12689304351807