Un seminario sobre incendios forestais, desenvolvemento rural e conservación da natureza terá lugar en Samos

SarriaXa
A xornada, organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, incluirá unha visita ao Monte de Toca e reunirá perfís vinculados ao medio rural e á xestión ambiental
Asociación-Galega-de-Territorio-Monte-de-Toca-Samos
8 Jun 2026

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) organiza un seminario titulado “Lumes, desenvolvemento rural e conservación da natureza” que terá lugar na antiga biblioteca de Samos o vindeiro 20 de xuño, nun horario aproximado de 10:00 a 18:30 horas, e que incluirá pola tarde unha visita guiada ao Monte de Toca.

A actividade está dirixida á veciñanza, persoas vinculadas á xestión ambiental e forestal, ao sector primario, á investigación, ás administracións públicas e á cidadanía interesada no futuro do medio rural e na conservación do patrimonio natural.

O seminario enmárcase nas actividades que a AGCT desenvolve no Monte de Toca, en colaboración coa Cruz Vermella, e busca xerar un espazo de reflexión e diálogo sobre o impacto dos incendios forestais en territorios de alto valor ecolóxico, así como sobre os retos e oportunidades do medio rural nun contexto de cambio global.

Ao longo da xornada abordaranse as consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas dos incendios, xunto coa necesidade de avanzar cara a modelos de xestión territorial máis resilientes, compatibles coa conservación da biodiversidade e co desenvolvemento sostible das comunidades rurais.

Entre os temas que se tratarán figuran o impacto do lume nos ecosistemas naturais, o papel da gandería extensiva e dos usos tradicionais na prevención de incendios, o abandono da actividade agraria e a transformación da paisaxe rural, así como as oportunidades de desenvolvemento ligadas á conservación da natureza e á posta en valor dos recursos locais.

0.12942790985107