Samos acollerá unha exposición sobre a hospitalidade monástica e a acollida de peregrinos desde a Idade Media

SarriaXa
A mostra, promovida por Initium Lar, inaugurarase o 4 de agosto na praza Fiz Vergara Vilariño e poderá visitarse durante todo o mes
praza-Vergara-Samos-(1)
31 Jul 2026

A praza Fiz Vergara Vilariño de Samos acollerá desde o vindeiro 4 de agosto a exposición 'Hospitalidade monástica', unha iniciativa promovida pola editora lucense Initium Lar que pretende achegar ao público a relevancia histórica da tradición de acollida desenvolvida polos mosteiros ao longo dos séculos.

A inauguración terá lugar ás 13:00 horas e contará coa presenza dos responsables do proxecto, así como coa asistencia da alcaldesa de Samos, Chus López, que exercerá como anfitrioa do acto.

A mostra permanecerá aberta ao público durante todo o mes de agosto e completarase cun audiovisual que poderá visionarse nos baixos da Casa do Concello. A través de diferentes paneis e materiais divulgativos, a exposición aborda o papel desempeñado polos mosteiros na atención aos peregrinos e viaxeiros, con especial atención ao caso de Samos.

Entre os contidos destacados figura a documentación que acredita a acollida de peregrinos na localidade desde a Idade Media, tanto na hospedaría do mosteiro como nun antigo hospital hoxe desaparecido que estivo situado na actual avenida Compostela.

A exposición tamén pon o foco na contribución dos monxes de Samos ao desenvolvemento do culto xacobeo e á propia orixe da cidade de Santiago de Compostela, resaltando a influencia histórica da comunidade monástica samonense na configuración do Camiño de Santiago e na expansión da tradición peregrina.

0.11630702018738