Samos acollerá unha ruta ornitolóxica para descubrir a biodiversidade do Monte de Toca

A Asociación Galega de Custodia do Territorio organizará o domingo 31 de maio unha ruta de aves polo Monte de Toca, en Samos, co obxectivo de dar a coñecer este espazo de alto valor natural e contribuír á súa posta en valor. A actividade desenvolverase entre as 10.15 e as 14.30 horas.
Desde a asociación explican que no Monte de Toca conviven zonas abertas de uso silvopastoral con áreas dominadas por bosques de frondosas e outras de forte pendente, características que favorecen a presenza dunha grande diversidade de aves adaptadas aos distintos hábitats existentes neste enclave natural.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán achegarse ao recoñecemento das distintas especies presentes na zona, tanto mediante a observación directa como a través da identificación dos seus cantos.
Esta iniciativa enmárcase no acordo a tres bandas asinado no ano 2022 entre a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Comunidade de Montes de Toca e Cruz Vermella, coa finalidade de restaurar e conservar áreas afectadas polos incendios forestais.
Como parte deste compromiso desenvolveranse un total de sete actividades de posta en valor deste espazo natural, sendo esta ruta ornitolóxica a primeira programada durante este ano 2026.