Samos acollerá unha xornada de natureza e ioga con paseo pola Ruta do Carballal

O Concello de Samos acolle unha proposta de lecer e benestar que unirá natureza, movemento e relaxación coa celebración da actividade “Natureza e Ioga en Samos”, este domingo 5 de xullo.
A iniciativa está pensada como unha experiencia íntima e participativa, cun grupo reducido de asistentes para favorecer o aproveitamento do encontro e o contacto directo co entorno natural.
A xornada comezará ás 11.30 horas cun paseo pola Ruta do Carballal, un dos espazos naturais máis emblemáticos da zona, onde os participantes poderán gozar dun percorrido guiado en plena contorna forestal ata as 12.30 horas.
A continuación, entre as 12.30 e as 13.30 horas, desenvolverase unha sesión de ioga ao aire libre, dirixida por Raquel Rodríguez, que combinará exercicios de respiración, estiramentos e técnicas de relaxación nun ambiente natural pensado para favorecer o benestar físico e mental.
Tras a actividade, arredor das 14.00 horas, os asistentes compartirán unha comida en grupo, completando así unha xornada centrada na convivencia e no desfrute pausado da contorna.
Desde a organización destacan que se trata dunha proposta deseñada para desconectar da rutina diaria e promover hábitos saudables nun espazo privilexiado como é o municipio de Samos, onde a natureza xoga un papel protagonista.
As prazas son limitadas e é necesaria reserva previa para participar nesta actividade, que busca consolidarse como unha experiencia de encontro entre deporte suave, contacto coa natureza e convivencia social.