Samos aproba un orzamento de 1,45 millóns de euros para 2026

SarriaXa
As contas municipais medran preto de 90.000 euros respecto ao pasado exercicio e destinan algo máis dun millón de euros aos gastos de persoal
samos-concello
20 Aug 2026

O Concello de Samos contará cun orzamento de 1.448.887 euros para o exercicio 2026, unha cifra superior á do pasado ano, cando as contas municipais ascenderon a 1.359.008 euros. O incremento sitúase, polo tanto, en preto de 90.000 euros.

O capítulo con maior peso corresponde aos gastos de persoal, para os que se reservan 1.016.634 euros. A continuación sitúanse os gastos correntes en bens e servizos, cunha dotación de 371.510 euros. As transferencias correntes ascenden a 20.110 euros, mentres que para gastos financeiros se contemplan 900 euros.

No apartado de investimentos, o documento orzamentario recolle inicialmente 39.731 euros. A esta cantidade haberá que incorporar as actuacións que se executen ao abeiro do Plan Deputación, así como os proxectos financiados mediante subvencións procedentes doutras administracións públicas.

En canto á previsión de ingresos, a principal partida corresponde ás transferencias correntes, que alcanzan os 814.087 euros. O Concello calcula tamén ingresar 387.350 euros a través de taxas, prezos públicos e outros conceptos.

Os impostos directos achegarán, segundo as estimacións municipais, 223.948 euros, mentres que os indirectos suporán outros 17.000 euros. A previsión complétase con 6.500 euros correspondentes a ingresos patrimoniais.

As contas para este ano recibiron a aprobación inicial o pasado 16 de xullo. Posteriormente, o documento permaneceu sometido ao período regulamentario de información pública sen que se presentasen reclamacións. Ao non rexistrarse alegacións, o orzamento quedou definitivamente aprobado e foi publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

0.12349915504456