Samos leva o seu patrimonio arqueolóxico ao mundo dixital

SarriaXa
O proxecto Samos Arqueolóxico reúne nun mapa interactivo xacementos, imaxes aéreas, panorámicas de 360 graos, cartografía LiDAR e documentación histórica accesible en tres idiomas
Castro-de-Loureiro-Samos
20 Aug 2026

O Concello de Samos aposta polas novas tecnoloxías para divulgar e facilitar o coñecemento da riqueza arqueolóxica do municipio. Con este obxectivo pon en marcha Samos Arqueolóxico, unha nova plataforma dixital que concentra nun mesmo espazo información revisada e actualizada sobre os numerosos vestixios existentes no territorio.

A iniciativa permite consultar os diferentes bens a través dun mapa interactivo acompañado de fichas divulgativas e abundante material gráfico. Os contidos poden consultarse en galego, castelán e inglés, co propósito de achegar este patrimonio tanto á veciñanza como a investigadores e visitantes interesados na historia de Samos.

O Concello confiou o desenvolvemento do proxecto á empresa Studo3D, cun equipo especializado no estudo e na divulgación multidisciplinar do patrimonio que durante o último ano realizou traballo sobre o terreo. Segundo destacan os impulsores, trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia no ámbito local ao contar cunha plataforma especificamente creada para reunir e difundir o patrimonio arqueolóxico dun municipio.

A web combina información documental coas posibilidades que ofrecen as novas ferramentas dixitais. Fotografías terrestres e aéreas, panorámicas de 360 graos, vídeos, cartografía e datos de relevo LiDAR forman parte dos recursos incorporados ao visor, permitindo coñecer os xacementos e a súa contorna desde diferentes perspectivas.

A tecnoloxía servirá tamén para recuperar e poñer en valor documentación recompilada hai máis de tres décadas. A plataforma incorporará materiais procedentes do traballo de campo realizado entre 1988 e 1991 por un grupo de arqueólogos que percorreu o territorio de Samos para identificar e documentar o seu legado arqueolóxico.

Aquela investigación recolleu tamén información transmitida oralmente polos habitantes do municipio sobre castros, mámoas, medorras, petróglifos e outros vestixios. Este arquivo constitúe agora unha importante base documental para comprobar localizacións, revisar datos, contextualizar os diferentes xacementos e facer accesible á sociedade un coñecemento que ata o momento se atopaba disperso.

Samos Arqueolóxico nace, ademais, cunha vocación de continuidade. A súa estrutura foi deseñada para incorporar progresivamente novos achados, imaxes e documentación, así como para modificar ou completar os datos xa publicados a medida que avancen as investigacións e as revisións técnicas. Deste xeito, o Concello busca que a plataforma se converta nun arquivo vivo e en constante evolución sobre o pasado arqueolóxico de Samos.

0.1378538608551