Samos prepara tres días de música, tradición e actividades nas festas patronais de San Bieito

SarriaXa
As celebracións desenvolveranse entre os días 10 e 12 de xullo cunha programación que inclúe concertos, pancetada, pasarrúas, actividades infantís e actuacións musicais
Festas-patronais-San-Benito-Samos
30 Jun 2026

Samos celebrará os vindeiros días 10, 11 e 12 de xullo as festas patronais de San Bieito cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos e no que a música, a tradición e a convivencia volverán ser os grandes protagonistas.

A programación arrancará o venres 10 de xullo coa tradicional prefesta, que dará comezo ás 22.00 horas coa actuación do grupo galego Panosedan, encargado de abrir unha fin de semana festiva no municipio.

Xa o sábado 11 de xullo celebrarase unha das xornadas centrais das festas. Ás 21.30 horas terá lugar unha pancetada popular, unha cita pensada para compartir unha velada entre veciños e visitantes. A continuación, a animación correrá a cargo das formacións Charanga Louband e Bicoia, que percorrerán a localidade enchendo as rúas de música e ambiente festivo. A noite rematará coa sesión musical do DJ Casanova.

O domingo 12 de xullo arrancará ás 11.30 horas cun pasarrúas a cargo de EGS Ars Nova, seguido dunha misa prevista para as 12.00 horas. Ás 13.30 horas terá lugar un concerto da mesma agrupación durante a sesión vermú.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, desenvolverase un obradoiro dirixido ao público infantil con diferentes actividades para os máis pequenos. A continuación, ás 19.00 horas, subirase ao escenario Uxía Senlle nun concerto que contará coa colaboración de Rocío Souto, coñecida pola súa participación como recanteira no programa Luar.

As festas pecharanse cunha gran verbena protagonizada pola Los Players, que actuará desde as 22.00 ata as 03.00 horas para poñer o broche final a tres días de celebracións.

O Concello aposta así por unha programación que combina música en directo, tradición e actividades de lecer co obxectivo de converter as festas de San Bieito nun punto de encontro para veciños e visitantes.

0.078583002090454