Samos proxectará o documental "O Son da Serra", sobre os incendios que arrasaron O Courel en 2022

O Concello de Samos acollerá o vindeiro xoves 19 de novembro a proxección do documental "O Son da Serra. Cando O Courel derramou bágoas de cinza". A sesión terá lugar ás 19:00 horas no salón de actos do Multiusos.
A película recupera a memoria dos incendios forestais que afectaron a Serra do Courel en xullo de 2022, un dos episodios máis graves de lume rexistrados na montaña lucense. A través deste traballo audiovisual, proponse unha reflexión sobre o impacto dos incendios no territorio, as súas consecuencias ambientais e sociais e a importancia da protección do monte.
A produción tamén permite ampliar a mirada a outras zonas de montaña, como Os Ancares, que comparten riscos e desafíos relacionados coa conservación do territorio e a prevención dos incendios.
A proxección será unha oportunidade para achegarse a esta realidade a través do cinema e lembrar as consecuencias que os grandes lumes deixan nas comunidades e na paisaxe.