Samos transforma o soto das vivendas comunitarias nun novo espazo para actividades culturais e veciñais

SarriaXa
A nova sala multiusos, financiada con 50.000 euros pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, poderá acoller desde clases de zumba ata obradoiros e actividades para persoas maiores
novo-soto-Samos
28 Aug 2026

O Concello de Samos conta cun novo espazo multiusos no soto das vivendas comunitarias, tras a transformación dun local que se atopaba sen acondicionar, con cemento e ladrillo, nunha sala preparada para acoller actividades culturais, comunitarias e de carácter social.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a alcaldesa de Samos, Chus López, visitaron a nova dotación para comprobar o resultado dos traballos realizados nos últimos meses. A actuación incluíu a colocación de novos acabados no chan, paredes e teito, así como a instalación dunha porta e unha ventá e dos sistemas eléctricos, de fontanería e climatización. O local dispón tamén de mobiliario destinado ao almacenaxe.

Efrén Castro puxo en valor "o traballo desenvolvido polo goberno municipal para dinamizar Samos e para recuperar e poñer en valor espazos coma este, de propiedade municipal, que non tiñan uso". O vicepresidente destacou así a recuperación dun local municipal que permanecía sen actividade e que agora poderá ter diferentes usos.

Pola súa banda, Chus López salientou a versatilidade da nova sala, que poderá ser utilizada tanto para actividades organizadas polo Concello como para propostas impulsadas polas asociacións da localidade. Entre as posibilidades, mencionou desde clases de zumba ata obradoiros ou clases de manualidades.

A alcaldesa tamén destacou a localización do espazo, situado no propio edificio das vivendas comunitarias e con boas condicións de acceso. Segundo explicou, esta característica permitirá facilitar o seu uso para actividades dirixidas ás persoas residentes no inmoble e, especialmente, ás persoas maiores.

A actuación contou cunha achega de 50.000 euros da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, destinada ao financiamento das obras de acondicionamento do local municipal.

0.16394400596619