Sarria Acendida abre os seus Obradoiros de Outono cunha proposta de teatro infantil

SarriaXa
O programa desenvolverase entre outubro e decembro e incluirá actividades de teatro, escritura creativa, gastronomía, fotografía e memoria oral
OCIO Casa de la Cultura Sarria
3 Oct 2026

Sarria Acendida, o proxecto cultural impulsado polo Concello de Sarria e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, pon en marcha os seus Obradoiros de Outono, un programa de actividades participativas que se desenvolverá durante os meses de outubro, novembro e decembro.

A programación está formada por cinco propostas vinculadas á cultura, á creatividade e á recuperación da memoria. Inclúe o obradoiro de teatro infantil "Raíces en escena", de Galopín Teatro; o de escritura creativa "Raíces de tinta", con María Casar; o de gastronomía, tradición e memoria "Receitas da memoria", coa Panadería Pallares; o obradoiro de fotografía arredor do rural "Detrás das árbores", con Toño de López, e a xornada comunitaria para recoller memoria oral "Acender a memoria", de Outonía S. Coop.

A primeira actividade en comezar será "Raíces en escena", un obradoiro de teatro infantil, o luns 5 de outubro, pensado como unha primeira aproximación ás artes escénicas a través do xogo, a expresión corporal, a voz, a improvisación e a creación colectiva. A proposta contará con nove sesións dunha hora e unha xornada final o sábado 12 de decembro.

As sesións celebraranse os luns de outubro, novembro e decembro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria. A actividade está dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, é gratuíta e conta cun máximo de 12 prazas. Para participar será necesario realizar unha inscrición previa a través do formulario dispoñible nas redes sociais do Concello de Sarria.

O programa continuará con "Raíces de tinta", un obradoiro de escritura creativa impartido por María Casar, que terá lugar os días 15 e 29 de outubro e 12 e 26 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas. Está dirixido a persoas maiores de 16 anos e contará con 15 prazas.

Pola súa banda, "Receitas da memoria", da Panadería Pallares, abordará a gastronomía, a tradición e a memoria os días 24 de outubro e 7 de novembro, de 16:30 a 18:30 horas. A actividade está destinada a maiores de 16 anos e terá un máximo de oito participantes.

O obradoiro de fotografía "Detrás das árbores", con Toño de López, celebrarase os días 28 e 29 de novembro. O sábado desenvolverase de 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 17:30 horas, mentres que o domingo será de 10:30 a 13:30 horas. Está dirixido a maiores de 16 anos e contará con dez prazas.

A programación completarase coa xornada comunitaria "Acender a memoria", a cargo de Outonía S. Coop., centrada na recollida da memoria oral e na participación da comunidade.

0.13937520980835