Sarria acolle a mostra fotográfica “A lingua do futuro” de Alba Díaz

SarriaXa
A exposición, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación e a Rede Museística, poderá visitarse durante un mes na explanada da piscina cuberta municipal
exposicion-o-futuro-de-lingua-alba-diaz-Sarria
19 May 2026

A explanada da piscina cuberta municipal de Sarria acolle a mostra fotográfica “A lingua do futuro. O futuro da lingua”, unha exposición da fotógrafa e mestra Alba Díaz composta por unha vintena de retratos en branco e negro que buscan convidar á reflexión arredor do uso do galego nun contexto marcado pola perda progresiva de falantes.

A autora centra o seu traballo en nenos e nenas de xeracións que medran neste escenario de deterioro lingüístico, pero que continúan empregando maioritariamente a súa lingua materna. As imaxes amosan retratos en primeiro plano nos que as persoas protagonistas miran directamente ao público, acompañadas de elementos simbólicos vinculados á cultura galega e ao idioma, con referencias a cantantes, músicas ou escritoras e escritores que destacan polo uso do galego, ademais de palabras relacionadas cos afectos, a flora, a fauna ou os fenómenos atmosféricos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou na inauguración da mostra xunto á autora e destacou a necesidade de “interpelar ás xeracións máis novas para frear a perda de falantes”. Ademais, sinalou que “lanzar esta mensaxe desde a rúa, en espazos informais e de socialización, como fai esta exposición, é unha oportunidade para conectar con esas novas xeracións”.

A exposición, promovida pola Vicepresidencia da Deputación e pola Rede Museística Provincial de Lugo, permanecerá aberta ao público durante un mes.

0.11262202262878