Sarria acolle a proxección do documental ‘O camiño de Cova Eirós’ este venres na Casa da Cultura

A Casa da Cultura de Sarria será escenario este venres 17 de abril ás 20.00 horas da proxección do documental O camiño de Cova Eirós, dirixido por Xosé González Varela, nun pase con entrada libre que incluirá un coloquio final co propio realizador e co arqueólogo Arturo de Lombera, codirector das escavacións no xacemento.
A iniciativa, impulsada polo concelleiro de Cultura, César No, contempla unha dobre sesión ao longo da xornada. Pola mañá, o filme estará dirixido ao alumnado de 6º de Primaria do CEIP Frai Luís de Granada, que este pasado antroido escolleron a Cova Eirós como temática para a súa comparsa. Xa pola tarde, o público xeral poderá asistir ao segundo pase e participar no encontro cos expertos.
O documental ten a súa orixe nos traballos iniciados en 2011 por Varela, quen comezou a rexistrar as tarefas de escavación e investigación histórica na Cova Eirós. Un ano despois, en 2012, produciuse o achado das primeiras pinturas rupestres de Galicia nos Ancares lucenses, un descubrimento clave que elevou o valor deste enclave, considerado o xacemento máis relevante do Paleolítico galego. A partir dese momento, o director continuou gravando durante varios anos, ofrecendo un seguimento detallado do labor dos especialistas e da súa relación coa contorna natural e coa veciñanza.
O resultado é unha peza audiovisual de 52 minutos que ofrece unha perspectiva pouco habitual da arqueoloxía galega, cun enfoque próximo e reflexivo. A cova, situada na aldea de Cancelo, no municipio de Triacastela, convértese na protagonista silenciosa xunto coa paisaxe das serras orientais de Lugo. O acceso ao lugar realízase a través dun estreito sendeiro que atravesa os prados da contorna ata chegar á entrada da cavidade.
Cada verán, un equipo de arqueólogos liderado por Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, da Universidade de Santiago de Compostela, xunto con Xosé Pedro Rodríguez, do IPHES da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, continúa a investigar este espazo ocupado de maneira intermitente por homínidos durante decenas de miles de anos. No interior da cova atopáronse evidencias tanto de sapiens como de neandertais, o que a converte nun enclave fundamental para analizar a posible convivencia entre ambas especies.
O descubrimento das pinturas rupestres, as primeiras documentadas no noroeste peninsular, reforzou o valor histórico e científico do xacemento, consolidándoo como un referente na investigación da prehistoria galega. O documental foi presentado previamente na aldea de Cancelo, nunha sesión que reuniu a máis de cen veciños da contorna, e estreouse posteriormente en Lugo antes de percorrer salas de Santiago, A Coruña, Vigo e Ferrol.