A XXIX Feira de Antigüidades e Restauración de San Lázaro de Sarria xa ten data

A Asociación de Anticuarios e Restauradores San Lázaro de Sarria, en colaboración co Concello, organiza a XXIX Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración, que converterá a vila nun punto de referencia para os amantes das pezas históricas, curiosas e de colección entre os días 1, 2 e 3 de maio.
Nesta edición, a cita amplía a súa duración cun día máis, consolidándose como un evento de renome tanto en Galicia como fóra dela, ao reunir un amplo número de expositores e postos especializados en antigüidades e coleccionismo, dirixidos a todas aquelas persoas interesadas neste ámbito.
A feira está pensada para desfrutar con todos os sentidos, xa que, ademais da oferta expositiva, haberá postos con propostas gastronómicas que complementarán a experiencia do público asistente durante os tres días de celebración.
Ademais, este ano a feira converterase no único gran evento que terá lugar en Sarria durante esa fin de semana, ao contrario do ocorrido na pasada edición, cando coincidiu con outras citas como o Eixo Atlántico, a Pretorian Race Sarria Extreme e o III Rally de Regularidade Vila de Sarria do Club Clásicos.
Deste xeito, a organización destaca que esta edición ofrecerá tres días especiais centrados exclusivamente nas antigüidades e na restauración, reforzando o atractivo desta cita consolidada no calendario.