Carmen Rodríguez, da Asociación de Anticuarios: “Conservamos e recuperamos o patrimonio, poñendo Sarria no mapa”

SarriaXa
Falamos con Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación de Anticuarios e Restauradores San Lázaro que xorde en 1998 pero sofre unha pausa para coller forza e volver de novo no ano 2023
Carmen-Rodríguez-Asociación-Anticuarios-Sarria
24 Nov 2024

Por Jessica Fernández

Pode contarnos cando nace a Asociación?

A Asociación nace en 1998 impulsada polo Instituto de Desarrollo Comunitario de Galicia, que levaba a cabo proxectos na ruta xacobea e, ao seu paso por Sarria, desde o Instituto viron con sorpresa a cantidade de anticuarios que había na vila, polo que se nos propuxo ás persoas que rexentabamos as tendas, impartir un curso ou crear unha cooperativa. Fixemos así o curso, ao que acudiron 15 rapaces e de aí saíu unha cooperativa e, dela, unha asociación. A min pedíronme que asumira o posto de presidenta e ata hoxe. En Sarria había materia prima para formar unha asociación porque temos tendas de anticuarios, xa que hai moita tradición de coleccionar antigüidades e tamén había xente que levaba os seus produtos a feiras, polo que unha asociación podía ser unha iniciativa moi bonita nun pobo pequeno como este, no que hai xente preocupada polo noso patrimonio.

Como evolucionou a asociación?

No momento de crear a asociación, eramos 8 ou 9 anticuarios. Isto seguiu un tempo e logo houbo xente que marchou de Sarria e houbo un parón. Agora, empezamos a pensar que sen a asociación non se fai nada porque para pedir axudas é imposible, pero como colectivo si. Polo que ano pasado unha das persoas dos anticuarios dixo que había que retomala e puxémonos en marcha con dúas persoas novas e seis que quedamos de antes. En total, somos 6, 4 con tenda e 2 sen tenda pero que teñen os seus produtos en naves e que levan a feiras, así como se implican nas actividades que facemos.

Con todo, quixemos recuperar o mercado Quilate, que se celebra o primeiro sábado de cada mes, cuxo impulsor foi Gerardo, que está entre A Coruña e Sarria e intentou que volveramos facelo. Porén, os tempos cambiaron e as antigüidades tamén, polo que non é tan fácil como antes, porque a xente compra a través de portais en vez de vir aos mercados, pero seguimos enchendo a rúa Porvir, onde están os acuarios.

Cales son os valores que se queren transmitir desde a asociación?

Nós, o que queremos impulsar desde a asociación, é que a xente saiba que seguimos aí a pesar das situacións económicas e que somos  xente seria, que hai segundas xeracións e que veñen os fillos e netos desa xente que colecciona. Queremos conservar o patrimonio, a pesar da xente que di que nos anticuarios nos aproveitamos. Quen vén vender sabe os prezos, e nada é de máis. Nós o que facemos é comprar, restaurar, que é importante darlle unha segunda vida ás pezas, facémoslles tratamentos e mantemos ese patrimonio. É dicir, recuperamos cousas que son nosas e que ás veces están fóra de Galicia e traémolas. Por exemplo, mesas galegas do século XVII, elementos de Sargadelos de 1860... atopámolo fóra e recuperámolo. Conservamos e recuperamos o patrimonio, poñemos en valor e presentamos eses elementos á xente.

É máis, nós na rúa Porvir, onde están os anticuarios, facemos un museo desde as 09.00 ás 20.00 horas, xa que debido ao Camiño Francés, pasa moita xente e moitas veces os peregrinos son apaixonados das antigüidades.

Por que é importante poñer en valor as antigüidades?

A xente di que as antigüidades pasan de moda, pero teñen diferentes compradores, a xente nova busca un estilo máis contemporáneo ou vintage e gústalle, buscan coleccionismo de marcas, como Cocacola. As antigüidades non pasan de moda e nós estamos ao loro para saber cales son as tendencias, como o moble dos anos 60.

Sarria é o punto central dos anticuarios en Galicia?

En Galicia existe a Asociación de Anticuarios de Galicia e esa é a máis importante, pero a nivel local penso que somos nos os únicos. Poñemos no mapa a Sarria, somos referentes, e é un campo moi versátil, porque os anticuarios temos diferentes estilos e aquí en Sarria atopas todo tipo de antigüidades. Alguén que veña aquí non ten necesidade de moverse, e incluso hai xente que vén e queda en Sarria durmir porque queren estar na feira de antigüidades.

A feira como adoita ser, para quen non a coñeza?

A verdade é que a xente se sorprende cando vén á feira. Este ano fíxose en maio e choveu, pero veu xente de toda Galicia e de fóra que se sorprendeu con todo o que había. Acudimos a algunhas feiras e, modestia aparte, que bos somos; porque temos tanto... Sempre estamos en plan humilde, pero temos unhas tendas cheas de cousas que están xenial.

Este ano, ademais, coincidiron tres eventos: a feira de antigüidades, o Rally de Regularidad Vila de Sarria do Club Clásicos e a carreira Pretorian Race, o que foi un acerto, porque se achegaron persoas de moi diverso tipo. Polo que o ano que vén apostaremos por manter a feira coincidindo con estes eventos e sumar novas iniciativas para promover unha maior presenza do público interesado.

O concello sempre apoiou a feira, a pesar de non estar en activo a asociación e encargouse de organizala, agora queremos volver a facelo nós.

Que máis actividades se realizan no marco da asociación?

Isto ten moitas posibilidades. Ademais de divulgar con folletos de información e historia, acudimos a feiras onde atopamos máis patrimonio e tamén mostramos o noso. Como actividade novidosa, o ano pasado fixemos unha feira de Nadal que estivo moi ben e esperamos que este ano poidamos facela de novo.

Logo, como iniciativa próxima, gustaríanos facer o Camiño de Santiago con rutas de fin de semana, empezando en Triacastela, e que cada sábado de cada mes ir percorrendo un trazado para acabalo a finais de ano en Santiago. Todo isto, dando a coñecer o noso patrimonio ao longo do Camiño. Por outra parte, non faremos formacións porque non dispoñemos de local, pero se o concello nos permite contar cun espazo, con certa autonomía para facer cursos, estaría xenial.

0.15267491340637