O I Torneo Sarria Vila Xacobea de ximnasia rítmica do Club Atalaia foi todo un éxito

O pavillón do Chanto, en Sarria, foi escenario este sábado 2 de maio do I Torneo Sarria Vila Xacobea, unha cita organizada polo Club Atalaia de Sarria que reuniu arredor de 600 nenas e rapazas pertencentes a dez clubs de ximnasia rítmica da provincia de Lugo e un da provincia de Pontevedra.
Na competición participaron Escola de Ximnasia Porta Norte, Star Dance, Gravity, C.X. Viveiro, Rítmica Xove, Club Violeta, Club Filigrana, Vilarousa, Club Kendra e o propio club anfitrión. A xornada comezou ás 10.00 horas da mañá e prolongouse ata as 19.00 horas da tarde, converténdose nunha intensa festa deportiva arredor da ximnasia rítmica.
Como entidade organizadora, o Club Atalaia tamén quixo dar protagonismo ás súas ximnastas máis pequenas, pertencentes á escola, que ofreceron unha exhibición diante das deportistas participantes e das familias que se achegaron ao recinto para gozar da cita.
No plano deportivo, os resultados do conxunto sarrián foron especialmente positivos. Dos sete grupos presentados á competición, só un non conseguiu subir ao podio. O grupo de iniciación escolar acadou o primeiro posto, infantil escolar foi segundo, cadete escolar logrou a primeira posición, prebenxamín promoción rematou segundo, sénior de promoción conseguiu o primeiro posto e cadete prebase tamén foi primeiro.
Desde o Club Atalaia valoraron moi positivamente esta primeira edición do torneo e xa confían en poder repetir a experiencia en próximas datas.