Sarria acolle este sábado a Pretorian Race Sarria Xtreme con 600 participantes

Sarria será escenario este sábado dunha nova edición da carreira de obstáculos Pretorian Race Sarria Xtreme, organizada polo Pretorianos Club e que conta un ano máis co respaldo do Goberno galego. A cita reunirá arredor de 600 participantes, dos cales aproximadamente un terzo serán mulleres.
As probas darán comezo ás 16:30 horas desde o campo de rugby da localidade. Os deportistas deberán completar un percorrido duns 7 quilómetros no que terán que superar un total de 40 obstáculos, aínda que a competición estrutúrase en tres categorías diferentes en función do nivel de dificultade.
A maior parte dos corredores participará na modalidade Popular, que permite recibir apoio doutros participantes durante a proba. Pola contra, nas categorías Starter e Elite non está permitida esta axuda, e no caso da Elite os competidores están obrigados a superar todos os obstáculos do percorrido.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o apoio da administración autonómica a esta iniciativa, subliñando que fomenta a práctica deportiva e hábitos de vida saudables, ao tempo que contribúe á dinamización económica e social da contorna e sitúa a Sarria como referente neste tipo de competicións.