Sarria acolle o espectáculo 'Repunantas', unha viaxe feminista pola literatura galega

A Casa da Cultura de Sarria será escenario este domingo 19, ás 20:00 horas, do espectáculo Repunantas: as punkis da literatura galega, unha proposta escénica que combina literatura, música e humor para reivindicar o papel das mulleres na historia das letras galegas.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Sarria, ofrece unha visión diferente e actualizada das autoras galegas, desde a Idade Media ata a actualidade, cun enfoque feminista e un ton desenfadado que pretende achegar estas figuras ao público dun xeito innovador.
O espectáculo estará protagonizado por Inma López Silva e Francisco Castro, que guiarán ao público nesta viaxe cultural na que se pon en valor a contribución das mulleres á literatura galega ao longo dos séculos, recuperando nomes e historias que, en moitos casos, quedaron relegadas a un segundo plano.
Dirixido a todos os públicos, Repunantas propón unha experiencia participativa e reflexiva, que convida a redescubrir o legado das creadoras galegas desde unha perspectiva contemporánea e accesible.