Sarria acollerá a presentación do poemario “Réquiem” de Eugénio Outeiro

A Asociación Cultural Ergueitas de Sarria organizará este venres 22 de maio, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, a presentación de “Réquiem”, a obra coa que o escritor Eugénio Outeiro conseguiu a última edición do premio de poesía Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu.
O acto contará coa presenza do propio autor e tamén de Xosé Luís Mosquera Camba, integrante do xurado que decidiu concederlle o galardón á obra.
“Réquiem” está estruturado como un acto relixioso e constrúe un poemario coral que rende homenaxe ás persoas asasinadas pola barbarie fascista na Illa de Arousa. A obra entrelaza a memoria das vítimas coa paisaxe e co mar, elementos que funcionan como símbolos da dor, pero tamén da esperanza.
Os poemas fan resoar as voces das vítimas como ecos na auga, reclamando xustiza e descanso. A través da evocación dos nomes e das historias das persoas represaliadas, o libro convértese nun canto colectivo á dignidade, á resistencia e á permanencia da memoria fronte ao esquecemento.