Sarria acollerá a retransmisión da clase 'Descubre Lugo a través da tecnoloxía' para persoas maiores

SarriaXa
A iniciativa de Fegaus e Canal Sénior permitirá explorar o patrimonio e a cultura da provincia mediante ferramentas dixitais, fomentando a participación e a autonomía dos asistentes
Casa-Concello-de-Sarria
21 Feb 2026

O próximo luns 23 de febreiro, de 11:00 horas a 12:30 horas, os veciños de Sarria poderán asistir ao salón de actos do Concello para seguir a retransmisión da clase “Descubre Lugo a través da tecnoloxía”.

A actividade, organizada por Fegaus e Canal Sénior dentro da súa liña de dinamización territorial, envellecemento activo e loita contra a brecha dixital, conta coa colaboración do Concello de Sarria.

A sesión ofrecerá aos asistentes a posibilidade de percorrer Lugo desde unha perspectiva innovadora, empregando ferramentas tecnolóxicas que permiten coñecer o patrimonio, a historia e a cultura sen necesidade de desprazarse físicamente. Mediante recursos dixitais, mapas interactivos e propostas visuais, o público poderá redescubrir a provincia desde unha mirada máis participativa, accesible e conectada.

A retransmisión inclúe a intervención dixital de Aisa Domínguez, CEO e guía turística profesional de Zona Meiga Tours e Eventos. Graduada en turismo pola UDC e especializada en xestión de eventos e comunicación corporativa, desde 2021 difunde a cultura e tradición galega por toda a comunidade. Apasionada da súa terra, converte cada itinerario nunha experiencia próxima e didáctica, combinando rigor histórico con emoción.

A sesión contará coa presenza dunha dinamizadora de Canal Sénior, que facilitará o diálogo, resolverá dúbidas e fomentará a participación activa do público. Ao remate, desenvolverase unha actividade práctica e conversacional coas persoas asistentes para compartir recordos, impresións e propostas sobre Lugo e o seu patrimonio, reforzando o aprendizaxe colectivo.

Esta acción enmárcase na estratexia conxunta de Fegaus e Canal Sénior de transformar espazos públicos en aulas activas onde a tecnoloxía se pon ao servizo das persoas maiores, promovendo a súa autonomía dixital, a participación social e o acceso á cultura en contornos próximos.

Canal Sénior é unha asociación sen ánimo de lucro que, desde 2017, traballa para impulsar o envellecemento activo, o aprendizaxe ao longo da vida e a inclusión dixital das persoas maiores de 55 anos, ofrecendo actividades gratuítas como obradoiros en directo, contidos audiovisuais, xogos formativos e propostas culturais para fomentar a participación e o benestar do colectivo sénior.

0.075304985046387