Sarria acollerá en setembro a primeira edición da Sarria Bikers Fest

SarriaXa
O evento, promovido por Sarria Bikers, reunirá aos afeccionados ao motociclismo cun programa de actividades aberto tamén á veciñanza
Sarria-Bikers-2026
11 Aug 2026

Sarria converterase o vindeiro 26 de setembro nun punto de encontro para os amantes das dúas rodas coa celebración da primeira edición da Sarria Bikers Fest, unha nova iniciativa impulsada polo colectivo Sarria Bikers que busca reunir aos afeccionados ao motociclismo na vila.

Aínda que a programación definitiva está pendente de confirmación, a organización avanza que a cita incluirá diferentes actividades relacionadas co mundo das motos e estará aberta non só ás persoas participantes, senón tamén á veciñanza e a todas aquelas persoas interesadas neste ámbito, independentemente de que sexan ou non propietarias dunha motocicleta.

Con esta proposta, Sarria Bikers amplía a súa oferta de eventos na localidade e reforza a súa aposta por promover actividades de convivencia arredor da afección ao motociclismo.

A Sarria Bikers Fest súmase a outras iniciativas xa consolidadas na vila, como a Concentración Motera Sarria Bikers, unha cita que se celebra cada ano no mes de maio e que reúne centos de participantes durante tres xornadas. A última edición desenvolveuse entre os días 15 e 17 de maio cun programa variado pensado para todos os públicos, combinando rutas, exposicións, música e actividades lúdicas.

Desde o colectivo esperan que esta nova proposta se consolide no calendario de eventos da comarca e contribúa a seguir impulsando a afección ao motociclismo en Sarria.

0.11539697647095