Sarria acollerá en xuño a XXXVI edición do Torneo de Fútbol Sala San Xoán

O pavillón José Mario González do Chanto será escenario os días 26, 27 e 28 de xuño da XXXVI edición do Torneo de Fútbol Sala San Xoán de Sarria, unha cita xa consolidada dentro do calendario deportivo e festivo da vila. O torneo conta co apoio do Concello de Sarria.
O torneo contará cun máximo de 24 equipos participantes e repartirá importantes premios económicos. O equipo campión recibirá 1.500 euros e trofeo, mentres que o subcampión obterá 700 euros e trofeo. Ademais, haberá premios de 200 euros e trofeo para o terceiro e cuarto clasificados, así como un recoñecemento especial ao mellor equipo do concello.
A organización tamén entregará distincións individuais ao mellor porteiro, ao mellor xogador e ao quinteto ideal do campionato. Os encontros estarán dirixidos por árbitros federados.
A inscrición terá un custo de 150 euros por equipo e poderá formalizarse a través dos teléfonos facilitados pola organización ata o 22 de xuño ás 14.00 horas. O sorteo da competición celebrarase ese mesmo día ás 21.00 horas no Pub Tropi.