Sarria acollerá o XXV Torneo Vila de Sarria con preto de 700 ximnastas

O vindeiro sábado, 9 de maio, celebrarase en Sarria o XXV Torneo Vila de Sarria, unha cita xa consolidada no calendario da ximnasia rítmica galega que reunirá a preto de 700 deportistas procedentes de distintos clubs das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.
A competición estará organizada polo Club Xirandela en colaboración coa área de deportes do Concello de Sarria, así como cos colaboradores oficiais da entidade. O evento desenvolverase no pavillón José Mario González “O Chanto”, onde se vivirá unha intensa xornada dividida en dúas sesións.
A actividade dará comezo ás 11:00 horas coa sesión de mañá, destinada ás categorías de nivel B e promoción. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, será a quenda do nivel escolar, completando así unha xornada que promete volver converterse nunha auténtica festa da ximnasia rítmica.